O Concello aproba este venres un apoio de 11.000 euros ao comedor social da Misión do Silencio
Segundo afirmou este xoves o alcalde, o Concello quere cooperar coa asociación para atender a familias vulnerables, especialmente afectadas pola pandemia. En total, o Concello adica 372.000 euros anuais a comedores sociais e reparto de alimentos.
A sesión de mañá venres da Xunta de Goberno Local prevé autorizar unha subvención directa de case que 11.000 euros á Asociación Misión do Silencio para contribuír co seu comedor social da rúa Urzáiz, no que atenden a persoas e familias en situación de vulnerabilidade, especialmente afectadas pola pandemia do Covid-19.
“Están a facer un traballo extraordinario e queremos cooperar con esta asociación para atender á xente especialmente afectada pola pandemia, e lle imos asignar preto de 11.000 euros”, valorou o alcalde en rolda de prensa.
O Concello continúa así co seu apoio aos comedores e entidades sociais da cidade, aos que dirixe en total 372.000 euros. Detallou Caballero que o propio comedor do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social que o Concello de Vigo ten en Marqués de Valterra conta cunha asignación de 65.000 euros, aporta tamén 45.000 euros para Vida Digna, 10.000 euros para A Sal da Terra e ademais elevou de 23.000 a 46.000 euros a contía para o Comedor da Esperanza. Por outro lado, a administración local destina 83.000 euros ao Banco de Alimentos, 55.000 euros a AFAN e outros 57.000 euros á Fundación Santa Cruz.
O alcalde concluíu que “o núcleo central do sostemento de todos os comedores sociais de Vigo corre a cargo do Concello e eu mostro o meu orgullo e a miña satisfacción, porque a cidade, desde o Concello, segue sendo solidaria e poñendo en práctica a máis importante política social que se fai, en relación coa poboación, en ningunha cidade de España”.