O goberno local cede 300 vallas a colexios da cidade para adaptar espazos e garantir as medidas sanitarias
O alcalde explicou que, a partir do luns, o goberno municipal irá entregando as vallas solicitadas polos centros educativos para establecer espazos divididos para o alumnado e ofrécelles cooperación para tomar medidas que eviten contaxios.
Abel Caballero informou de que o Concello entregará 300 vallas a 25 colexios da cidade desde este luns co fin de que poidan adaptar os seus espazos de forma segura, dividindo zonas, separando por idades ou do xeito que consideren máis axeitado para garantir as medidas de seguridade sanitaria.
“Imos proporcionarlles as vallas para que poidan establecer espazos divididos, facilitando a separación do alumnado”, apuntou o rexedor, que insistiu en que tódolos centros educativos que precisen medios de separación dos estudantes nos recreos, nas colas de entrada e saída ou nos accesos, poden solicitalas ao Concello.
Así mesmo, Caballero tamén ofreceu a cooperación municipal aos colexios para “minimizar os contactos e que tomen medidas para evitar o contaxio da enfermidade” no seo da comunidade educativa. O goberno de Vigo destinou case 10.000 euros a facerse coas vallas que cederá de xeito gratuíto aos colexios da cidade e, apuntou que no caso de que teñan dificultades para xestionar o tráfico na entrada e saída dos centros, informen ao Concello para poder actuar.