Escoitar

Caballero aposta por un Nadal seguro, con cámaras para control de aforo e unha Cabalgata “estática”

O alcalde desvelou este venres algunhas das medidas coas que Vigo prevé celebrar un Nadal con seguridade “mil por cen”: peonalización de boa parte do centro, rúas con aforo controlado por cámaras e unha Cabalgata “distinta”, coa comitiva estática e o público pasando ordenadamente e con distancias.

venres, 16 out 2020

Abel Caballero reiterou este venres que a cidade celebrará a súa campaña de Nadal e esta terá seguridade antiCovid do “mil por cen”. A este respecto, o alcalde avanzou que se retirarán os vehículos de boa parte do centro da cidade para ter máis espazo e que as rúas con maior afluencia de xente -como Policarpo Sanz, Colón ou Príncipe- terán aforo máximo, controlado por cámaras. Tamén se valora a instalación de “semáforos” que regulen o acceso do público ás mesmas en función da cota e haberá vixilancia policial nas rúas próximas para evitar aglomeracións nos puntos de entrada.

A Cabalgata de reis deste Nadal tamén se prevé “distinta”, sen o habitual desfile de carrozas. O discorrer será o inverso ao habitual e a deste ano será “estática”, en verbas de Caballero; cos reis e o seu séquito situados nalgunha rúa “grande e ancha” da cidade, será o público o que, de forma ordenada e gardando a distancia de seguridade, pase por diante da comitiva para saudar ás súas maxestades de Oriente na súa visita a Vigo.

No tocante ao acto de acendido da iluminación, que en edicións anteriores reuniu a decenas de miles de persoas en torno á Porta do Sol, o Concello baralla este ano celebralo cun aforo de 400 persoas sentadas nas súas butacas, sempre en función da evolución da pandemia. Se estuda igualmente a súa emisión por televisión e/ou streaming: “España vai ver as luces de Vigo. Se a xente non pode vir, iremos nós”, manifestou Caballero.