Escoitar

A Corporación reclama á Xunta que incremente a asignación a Vigo en 30 millóns de euros anuais

A moción socialista sostén que os municipios tiveron que poñer en marcha medidas excepcionais para facer fronte á pandemia xerada polo Covid-19 “sen que a Xunta de Galicia, como administración competente, achegase recursos adicionais”.

mércores, 29 xul 2020
O alcalde, nunha sesión plenaria anterior
O alcalde, nunha sesión plenaria anterior

O concelleiro Jaime Aneiros defendeu que “o sistema de solidariedade entre os distintos niveis de Goberno e Facenda, non ten continuidade no caso de Galicia, entre a administración autonómica e a local, ao que se engade a conxelación sistemática das cantidades correspondentes á participación nos ingresos da Comunidade Autónoma e a inclusión nas Leis autonómicas de obrigas de gasto para os concellos sen a necesaria compensación económica”.

Por iso, o Pleno insta á Xunta de Galicia a que incremente a retribución que fai aos concellos de Galicia aumentando a asignación a Vigo en 30 millóns de euros anuais para acadar así a metade do que asigna o Estado. A moción recibiu o apoio do Grupo Mixto mais o concelleiro non adscrito e a abstención do grupo popular.

Financiamento das escolas infantís e centros de día

A Corporación Municipal deu luz verde á moción do grupo socialista que instar á Xunta de Galicia á derogación do Art. 69 da Lei 2/2017 de 8 de febreiro de medidas fiscais, administrativas e de ordenación que obriga ao Concello de Vigo a financiar as escolas infantís de titularidade e xestión autonómica de Valadares e Rúa Palencia e os centros de día de Coia, Teis e Valadares e que asuma integramente o seu financiamento.

O edil de Educación, Gorka Gómez, expuxo que a cantidade anual “arbitraria e inxustificada” que debe aboar o Concello de Vigo por eses conceptos suma 535.000 euros por “escolas infantís e centros de día que son de titularidade e xestión autonómica”. O texto saíu adiante co apoio do Grupo Mixto, o voto en contra do PP e a abstención do concelleiro non adscrito.

 

 

 

Descargar todas as imaxes