Caballero esixe a Audasa a humanización e insonorización da entrada a Vigo da AP9
Abel Caballero critica que o proxecto de pantallas acústicas de Audasa só cubra o tramo da autoestrada ata Chapela e non o percorrido entrando en Vigo, o que considera “intolerable e un insulto á cidade”.
“Queremos insonorización total en todo o tramo urbano en Vigo da autoestrada e con alta calidade e queremos a humanización da AP9, que en Vigo dá a sensación de avenida de entrada a Kosovo en tempos de guerra máis que dunha autoestrada que entra na primeira cidade de Galicia”, apuntou o rexedor este martes en rolda de prensa, engadindo que a autoestrada está desatendida e chea de pintadas.
“É unha calamidade e non o toleramos máis”, lamentou Caballero que dixo estar dirixíndose a Audasa para “esixirlle de forma inmediata que borre as pintadas, que realice un novo colorido e unha nova forma de entender a autoestrada na entrada a Vigo e que a humanice. Xa está ben de cobrar e non dedicar nin un euro en atendela”. Por iso, manifestou o seu “non absoluto á idea peregrina de deixar Vigo sen atender con plataformas de insonorización acústica, de non limpar e poñer a autoestrada nas condicións que se require”.