Escoitar

O Concello aproba os convenios de cesión de terreos para a humanización da estrada Porto-Beade

O alcalde informou que, logo da paralización do procedemento polo Covid-19, en dúas semanas retomarase a execución desta obra “excepcional” que ten un importe de 3,5 millóns de euros.

luns, 27 xul 2020

A Xerencia de Urbanismo dará aprobación definitiva este martes aos convenios urbanísticos asinados por cesión gratuíta dos terreos afectados pola execución do proxecto de obras de humanización da estrada provincial Porto-Beade.

A cambio desa cesión solicitada á veciñanza para a actuación de mellora e humanización da vía, o Concello recoñécelles que, se nalgún momento hai aproveitamento urbanístico, computaríanselle os metros cedidos á ampliación. Con todo, o proxecto incorpora a posibilidade de facer modificacións na obra para axustarse ás parcelas non cedidas polos propietarios.

Segundo expuxo o rexedor, o proceso de recoñecemento e cesión dos terreos prolongouse máis do previsto polo Covid-19, que impediu que se cumprira o prazo de exposición pública e que obrigou a suspender os prazos derivados do Estado de Alarma. “Ata a nova normalidade estivo todo paralizado. Non puidemos continuar a obra ao ser non donos dos terreos”. Agora, a decisión debe ser ratificada pola Xunta de Goberno, proceder á sinatura dos convenios cos propietarios e retomar a obra “nun par de semanas”, apuntou Caballero.