Escoitar

O Concello programa sete actuacións culturais para este venres

O alcalde recordou que este formato de múltiples actividades en distintos espazos da cidade responde ao novo modelo de festas ante o Covid-19. A Praza dos Galegos Ilustres, a Pedra, Porta do Sol, o Mar de Vigo, a Miñoca, Samil e Lavadores, sedes dos espectáculos deste venres.

venres, 24 xul 2020

Abel Caballero explicou que a primeira será ás 19 horas na Praza dos Galegos Ilustres, un certame de corais promovido por Acopovi e o Concello con presenza da polifónica da SCD Atlántida de Matamá, o coro Cantos de Liberdade e a coral Apóstol Santiago.

Ás 20 horas na Miñoca, actuación de Andarela no marco do programa “Vente con nós” e, media hora despois e como parte do mesmo certame, Corisco na Praza da Pedra. Tamén ás 20:30 horas, Ariel Rot e Federico Lechner ofrecen un concerto na terraza do auditorio Mar de Vigo e a banda de música de San Miguel estará na Porta do Sol, no festival “Vigo, un mar de bandas”. A danza urbana de ViKul tomará Samil tamén ás 20:30 horas.

Por último, ás 21 horas péchase a xornada cultural coa actuación da formación Delicias do CCR de Cabral nos xardíns da asociación veciñal de Lavadores. É parte do programa de concertos por barrios que programa a administración local viguesa.