Escoitar

O goberno de Vigo amplía un ano o contrato de xestión do albergue municipal por 775.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a prórroga do contrato do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social do Concello de Vigo (CIIES) que ten espazo para 38 persoas e que, en opinión do rexedor, “está facendo un gran traballo”.

xoves, 23 xul 2020

Na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos aprobados en Xunta de Goberno, Abel Caballero valorou a “forma na que está funcionando o albergue municipal, como fan as prestacións e tantos traballos sociais que desenvolven”.

O albergue municipal conta con 38 prazas (30de homes e 8 de mulleres) con servizo de albergue, comedor social, unidade de hixiene, servizo de consigna ou servizo de dirección postal en caso de que o precisen. O contrato de xestión prorrógase un ano por 775.000 euros.   

A Xunta de Goberno aprobou tamén a prórroga anual do contrato de xestión da Escola Municipal de Teatro por un importe de 92.241 euros. O alcalde destacou que a Escola tivo 146 alumnos o curso pasado que “pagaron soamente o 26% do custo” xa que o goberno municipal subvenciona o 74%. Ademais da actividade docente durante o curso, a Escola Municipal de Teatro organiza cada ano cos centros públicos de Infantil e Primaria de Vigo, as Xornadas Municipais de Teatro Escolar “de moito éxito” e que, este ano, por mor do COVID 19 non se puideron realizar.

O alcalde informou da prórroga dun ano do contrato de xestión e dinamización do Centro de Documentación e recursos feministas por un importe de case 28.000 euros. Emprazado na segunda planta da Biblioteca Juan Compañel, ten un fondo documental que consta de 10.400 volumes, 151 títulos de publicacións periódicas e 970 unidades de material audiovisual, e ofrece un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade. Ademais, organiza actividades culturais relacionadas con esta temática.

A Xunta aprobou amais a prórroga anual do contrato de xestión e dinamización da Casa das Mulleres por un importe de 32.500 euros para continuar o seu labor desenvolvendo cursos, reunións, exposicións e conferencias.