Escoitar

O alcalde avanza que “Vigo estará nos fondos europeos” co seu proxecto de cidade

Abel Caballero valorou a acordo da Unión Europea polo que España recibirá 140.000 millóns dos que a metade serán a fondo perdido destacando que Vigo optará a axudas comunitarias. Amais, salientou o compromiso do Goberno de España coa Biblioteca do Estado de Vigo.

mércores, 22 xul 2020
O alcalde con José Manuel Rodríguez Uribes
O alcalde con José Manuel Rodríguez Uribes

Para Caballero o acordo no cumio da Unión Europea sobre o plan de recuperación despois da crise do Covid-19 reflicte que “somos un grande territorio e que actuamos conxuntos. Por iso o acordo e a mobilización de recursos con emisión solidaria de débeda. Onte, por primeira vez na historia, seguramente desde os tempos dos romanos, existiu a Europa de verdade, a que tomou unha decisión colectiva, financiada colectivamente en interese de toda Europa e síntome moi orgulloso de ter vivido o día de onte”. Con este acordo, España recibirá 140.000 millóns de euros dos que 72.700 millóns serán axudas a fondo perdido.

O alcalde amosou o “orgullo e satisfacción desde Vigo, que estará neses fondos europeos porque nos sentimos Europa e temos proxecto de axenda urbana, de cidade verde, un proxecto de mobilidade vertical, un proxecto dunha cidade en Europa”.

En rolda de prensa, o alcalde referiuse aos acordos acadados nas últimas reunións con ministros do Goberno. Co titular de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, asinou o convenio sobre a Axenda Urbana España nas Entidades Locais abordando o futuro das cidades. O acordo contempla a creación dun Foro de Axenda Urbana en España que presidirán o Ministro e presidente da FEMP para “tratar o que levamos facendo en Vigo 12 anos. Unha parte importante dos recursos de Europa é axenda urbana, que é o que facemos en Vigo: humanizacións, peonalizacións, zonas verdes, parques, novas formas de mobilidades, carrís bici, cinto verde, senda verde… a axenda urbana é a calidade de vida e tivemos todo o apoio do Ministro”.

Na reunión co titular de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, para asinar o convenio de fomento da lectura para municipios menores de 50.000 habitantes, dentro da campaña María Moliner, abordaron a Biblioteca do Estado e acordaron que a directora xeral do libro virá a Vigo a ver o espazo “ratificando o impulso, vocación e compromiso do Goberno de España” con esta dotación que estaba nos orzamentos de Zapatero e que quitou o Goberno de Rajoy, segundo expuxo.

En canto ao encontro coa ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, para firmar a subvención do Goberno á FEMP, o alcalde explicou que abordaron as competencias dos concellos e as reformas lexislativas que precisan para seguir desenvolvendo as súas políticas. “Cremos e apoiamos a reforma da Lei de Bases do Réxime Local que foi unha boa lei pero que precisa actualizarse desde a súa creación hai 30 anos”. Caballero propúxolle seguir o modelo Vigo e as necesidades que ten unha cidade das súas características en transparencia ou gobernanza para poder avanzar sen limitacións lexislativas.

 

 

 

O alcalde con José Manuel Rodríguez Uribes
Co ministro de Fomento, José Luis Ábalos
Sinatura de subvención con Carolina Darias, Ministra de Función Pública e Política Territorial
Descargar todas as imaxes