O Concello aprobará a vindeira semana o proxecto de humanización e carril bici para o paseo da Avenida de Europa
Abel Caballero informou este venres de que a Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo aprobará a vindeira semana o proxecto para construír o paseo entre a rúa Tomás Paredes e Samil ao longo da Avenida de Europa. A nova infraestrutura terá un ancho de sete metros para peóns e bicicletas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres en rolda de prensa de que a Xerencia de Urbanismo do vindeiro martes aprobará o proxecto de construción da beirarrúa e o carril bici na marxe dereita da Avenida de Europa (desde a rúa Tomás Paredes ata a Avenida de Samil). Segundo indicou, o orzamento é de 4,3 millóns de euros, dos que 834.000 euros van destinados ás expropiacións que comezarán de inmediato. Tras a adquisición de bens e dereitos privados, o prazo da obra é de 22 meses.
“Estamos ante unha das grandes avenidas de Vigo, a zona de entrada a Samil e O Vao, será unha das obras máis importantes que se fixo nunca na cidade”, sinalou Caballero antes de lembrar que a actuacións queda enmarcada no plan de reconstrución de Vigo tras a crise sanitaria pola pandemia do Covid-19.
Unha vez aprobado o proxecto, xa se poden iniciar as expropiacións, que durarán entre 6 meses e 1 ano. En total, hai afectadas 87 parcelas cunha superficie de 10.500 metros aproximadamente. O alcalde destacou que a actuación presenta unha solución que se desenvolve pola mesmo marxe que está previsto o carril bici, pero cun ancho de 7 metros cun carril segregado ciclista de maior ancho. O novo proxecto xa conta co visto e prace de Patrimonio e Estradas.
Para levar a cabo a obra será preciso demoler muros, retranquear postes e soterrar o tendido eléctrico. Ademais, aproveitarase para renovar o saneamento da zona. Desta maneira, a marxe dereita da avenida en sentido descendente cambiaría totalmente a súa fisonomía entre Tomás Paredes e a Avenida de Samil para acoller unha nova senda de camiño cara á praia máis importante e concorrida de Vigo. Ademais, culminaríase o carril bici que está a piques de abrirse case ao completo entre Teis e a Avenida de Castelao.
Plan Parcial de Navia
Ademais, o alcalde informou de que o Pleno Municipal da vindeira semana aprobará o Plan Parcial de Navia que contempla a construción de 1.600 vivendas públicas no barrio. O Concello accede a dar luz verde ao proxecto para “non deter” un gran número de pisos que “son necesarios” para a cidade e pese a non incluír o demandado instituto.