Escoitar

O Pleno avala o Plan Parcial de Navia, que ganará 1.600 vivendas protexidas

A Corporación municipal de Vigo aprobou definitivamente a segunda modificación puntual do Plan Parcial de Navia, que fará posible a ampliación do barrio vigués con 1.600 vivendas de protección oficial. O goberno de Vigo volveu esixir á Xunta de Galicia a construción dun instituto, para o que ofrece terreo de balde.

mércores, 29 xul 2020

Os concelleiros ratificaron a aprobación definitiva da modificación do Plan Parcial de Navia, coas únicas abstencións dos dous concelleiros do grupo mixto e do edil non adscrito. A responsable de Urbanismo, María José Caride, explicou que o acordo dá saída a unha demanda de vivenda protexida, ratificada nun protocolo coa Xunta de Galicia no 2009, polo que chega “once anos tarde”.

Caride recordou que se presentaron miles de alegacións, tamén do propio Concello de Vigo, para mellorar cuestións como o soterramento da VG-20 ao seu paso por Navia, a accesibilidade ao Lagares ou conexións viarias, mais sobre todo para demandar o compromiso da Xunta de Galicia de construír un instituto.

O goberno de Vigo condicionara o seu apoio á modificación a que a Xunta comprometera nun protocolo a devandita dotación educativa, algo que o goberno de Núñez Feijóo non aceptou. Os tres edís que non apoiaron a modificación precisamente argumentaron que non se atenderon as alegacións interpostas pola veciñanza, en particular o instituto.

O Concello presidido por Abel Caballero continúa esixindo un instituto en Navia, non renuncia a demanda, ofrece de balde solo para erixilo (que ten o visto bo do Instituto Galego de Vivenda e Solo, segundo relevou Caride) e valida o Plan Parcial para dar luz verde ao desenvolvemento da vivenda de protección.

Parque de bombeiros

Por outra banda, o Pleno deste mércores acordou modificar o uso dunha parcela de 1.500 metros cadrados situada en Esturáns, cerca de Tomás Alonso, na que o Concello prevé habilitar un novo parque de bombeiros que substituirá ao emprazado nos baixos do estadio de Balaídos.

Explicou a concelleira de Urbanismo que o terreo e a tramitación administrativa reúnen as condicións necesarias e inclúe un informe do xefe do servizo de Bombeiros de Vigo que avala o espazo polo seu tamaño e localización.

No debate político, os concelleiros Xabier Pérez Igrexas e Rubén Pérez Correa, non adscrito e do grupo mixto respectivamente, abstivéronse na votación e pediron coñecer os estudos técnicos que amparan esta localización. Polo grupo municipal do PP, Jesús Marco, cualificou a proposta de “ocorrencia” e “castigo” aos bombeiros e asegurou que non cumpre cos requisitos nin por tamaño nin por lugar.

A concelleira de Urbanismo aclarou que o expediente conta cos informes preceptivos de seguridade e do xefe do servizo dos Bombeiros de Vigo, que apoian a proposta. Afirmou Caride que o espazo é “axeitado”, recordou que o proxecto concreto ten que elaborarse despois da modificación aprobada este mércores e engadiu que existen recursos para afrontar a obra nos orzamentos desde mesmo ano.