Escoitar

O goberno de Vigo adquire 200 portátiles para escolares en situación de vulnerabilidade

Abel Caballero informou este martes da decisión adoptada pola Xunta de Goberno Local. O Concello, que proporciona tamén conexións a Internet, cederá os equipos a alumnado de Infantil e Primaria que carece de medios para seguir as clases telemáticas.

martes, 2 xuñ 2020

O alcalde deu conta este martes da adxudicación do contrato de subministro de ordenadores para o programa “Vigo a favor da igualdade social e dixital”, un procedemento de emerxencia polo que o Concello adquire 200 portátiles que deixará a préstamo a nenos e nenas de educación Infantil e Primaria que non contan cos recursos tecnolóxicos para a súa formación a distancia. O Concello de Vigo adica a este contrato 28.500 euros.

Xunto aos equipos informáticos, o Concello de Vigo proporciona ás familias conexións a Internet. En función da evolución da pandemia en setembro, a administración local viguesa contempla prorrogar esta cesión de liñas e portátiles para o próximo curso escolar, segundo avanzou Caballero este martes.

Esta adquisición aprobada complementa o programa municipal de recollida, posta a punto e entrega de portátiles, iniciada semanas atrás e aínda vixente con preto dun centenar xa repartidos.