O goberno de Vigo licita por 1,2 millóns a humanización dos espazos anexos á estación de Urzáiz
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación das obras de humanización dos espazos próximos á estación do AVE, á futura terminal de autobuses e ao centro comercial de Vialia e accesos. Os traballos inclúen actuar sobre as canalizacións e a renovación da superficie, segundo explicou Abel Caballero.
O goberno de Vigo deu luz verde ao expediente de contratación das obras de urbanización dos espazos intersticiais na estación de Urzáiz e abre o proceso de licitación por importe de 1.227.652 euros e un prazo máximo de 14 meses de obra.
Abel Caballero informou este luns do paso dado na Xunta de Goberno Local do pasado venres, un contrato que suporá a actuación nos espazos situados entre a futura estación de autobuses, a terminal ferroviaria do AVE e o centro comercial Vialia e a remodelación dos seus accesos.
O alcalde explicou que, no marco deste contrato, se actuará sobre as redes soterradas de abastecemento, pluviais, rego, saneamento e telecomunicacións. Como é habitual nas humanizacións, haberá novo mobiliario urbano, con espazo para arborado e xardinería, iluminación pública e tamén un conxunto escultórico.