O Pleno municipal insta á Xunta a non obstaculizar as obras pendentes en Vigo
A maioría do Pleno deu luz verde esta mañá a unha moción do grupo socialista na que se lle pide á Xunta que deixe de poñer atrancos á obra pública de Vigo. Segundo defende o texto, despois desta crise sanitaria é máis importante que nunca reactivar a economía con inversión pública para manter e crear emprego.
O Pleno deu luz verde esta mañá a una moción do PSOE na que se defende a necesidade de manter as inversións públicas que está a desenvolver o Concello e lle reclama á Xunta que deixe de obstaculizar a execución das obras previstas. Cos votos favorables do grupo socialista, as abstencións de Marea e o concelleiro non adscrito, e o voto contrario dos populares, saíu adiante un texto no que da conta de que o Concello ten obras en marcha por importe de 42 millóns de euros, entre as que se atopan actuacións sufragadas con fondos europeos. Tal e como explicou o voceiro do grupo do goberno, Carlos López Font, é incomprensible que a Xunta sega obstaculizando obras na cidade co conseguinte efecto negativo na economía e na calidade de vida dos vigueses e viguesas.
Na súa intervención, Font sinalou as obras da Gran Vía -onde non se pode completar a instalación de ramplas; a humanización de Serafín Avendaño; os accesos do Ceip Párroco don Camilo ou o pavillón de Matamá, como algúns dos exemplos de actuacións que o Concello non pode acometer por unha decisión política incomprensible da Xunta. Todas estas obras supoñen unha inxección de inversión pública e xeración de emprego imprescindibles nestes tempos.
Cambio climático
Outra das mocións aprobadas na sesión plenaria desta mañá foi a defendida polo grupo de En Marea sobre o cambio climático na que insta a cumprir as medidas da Declaración de Emerxencia Climática así como adaptar á cidade aos efectos do Covid-19 en materia de mobilidade e sustentabilidade. Coa abstención do PSOE e do PP e os votos a favor de En Marea e o concelleiro non adscrito, o texto avoga por reformular o urbanismo de 1993 na cidade, completar unha rede de carrís bicis seguros, así como ampliar a zona perimetral do paseo do Lagares, cuestións xa incluídas no novo plan xeral, actualmente en tramitación, segundo aclarou a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride. O texto defendido polo voceiro de En Marea, Rubén Pérez, tamén propón o redeseño do plan de peonalización da Porta do Sol e a reformulación de baldeos de rúas e beirarrúas, substituíndo estes por medios de limpeza e desinfección adaptados ao coronavirus.