O Concello ofrece asesoramento a autónomos e micropemes no marco do Covid-19
O alcalde mantivo este martes unha reunión coa empresa encargada de levar adiante este servizo, que se prolongará durante oito meses cun importe de 122.000 euros. A administración local viguesa proporciona información, asesoramento e acompañamento á actividade empresarial de emprendedores e pequenos negocios.
En declaracións posteriores á reunión cos responsables do programa municipal, Abel Caballero trasladou que unhas 150 empresas xa fixeron uso deste servizo en apenas unha semana e animou aos autónomos e micropemes a informarse no teléfono 650253950. O obxectivo do Concello de Vigo, segundo engadiu o rexedor, é dar apoio a un mínimo de 2.000 micropemes e autónomos.
Con este contrato, o Concello procura atender as novas necesidades derivadas da crise sociosanitaria do coronavirus, canalizar todas as cuestións que afecten directamente á actividade empresarial e minimizar o seu impacto. O apoio plásmase na atención e información das medidas administrativas adoptadas para paliar os efectos do Covid-19 (suspensión de prazos administrativos, ERTEs, orientación fiscal, financeira e laboral, liñas de axudas, créditos e avais...). Ademais, conta tamén cun servizo de análise e diagnose da situación actual da actividade que conclúe cunha proposta de accións a realizar co propósito de obter resultados no curto prazo.
Composto por seis técnicos profesionais na materia, os xestores do programa indicaron ao alcalde que os negocios que xa solicitaron este servizo ata o momento -en boa parte do sector da hostalería- piden fundamentalmente asesoramento para elaborar un proxecto e tramitar liñas de crédito ante as entidades bancarias.
Reactivación económica
En liña con este programa, o goberno de Vigo ten aprobado nas últimas datas outras iniciativas como a convocatoria de 100.000 euros en axudas municipais á contratación, subvencións por 35.000 euros para o fomento do autoemprego e a consolidación empresarial e un segundo programa dirixido a autónomos e pequenas e medianas empresas, dotado esta vez con 300.000 euros, dentro da estratexia DUSI “Vigo Vertical” cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea.