O Concello retoma a atención presencial nos centros de servizos sociais e no Rexistro
A cidadanía poderá acudir con cita previa e, dende o mércores, entrarán en funcionamento as instalacións deportivas municipais de Samil e Balaídos. Este luns o goberno municipal retomou as obras de humanización das rúas Heraclio Botana, Serafín Avendaño e Roupeiro.
O alcalde informou da reapertura dos centros municipais de servizos sociais de Coia, Rivera Atienza, Teis e Praza do Rei con atención presencial dende este luns, dous días á semana, sempre con cita previa. Esta mañá comezou tamén a funcionar o Rexistro do Concello na lonxa da Praza do Rei para poder realizar tódolos trámites administrativos municipais. A atención será baixo cita previa que se poderá solicitar por teléfono (010) ou a través de la páxina web do Concello (vigo.org).
Caballero apuntou que, de acordo coas normas da fase 2 da desescalada, este próximo mércores, 27 de maio, poderán abrir as instalacións deportivas de Samil (pistas de tenis e pádel) e de Balaídos (pistas de atletismo).
Obras na cidade
O goberno municipal retoma este luns as obras de humanización da contorna de Rosalía de Castro e García Barbón, nas rúas Serafín Avendaño, Heraclio Botana e Roupeiro mentres continúan as obras do carril bici entre Teis e Samil e as de mantemento en vías municipais, estes días con traballos no aglomerado da Florida e Sanjurjo Badía.
Amais, seguen executándose os traballos de instalación das ramplas da Gran Vía, entre María Berdiales e Venezuela, a humanización da Ronda de don Bosco, o ascensor de Juan Ramón Jiménez entre Torrecedeira e Pi y Margall, o pavillón de Quirós-Sárdoma, o saneamento de Jacinto Benavente e a renovación das tubaxes de abastecemento en Camelias, entre Hispanidade e Marqués de Alcedo, así como a renovación das redes de abastecemento nas parroquias.
Así mesmo, o Concello recibe este venres as obras do pavillón de Romil executado cun convenio coa Deputación de Pontevedra e están rematadas xa as obras de mellora do campo de fútbol de Monte da Mina, As Relfas-Sárdoma e San Andrés de Comesaña e as beirarrúas de Juan de Bastos en Matamá. A humanización da Porta do Sol e a estrada de Porto-Beade son outros dous proxectos que a cidade ten en marcha.
En total, o Concello está desenvolvendo obras por valor de 50 millóns de euros.