Escoitar

O Concello declara dez días de loito oficial en memoria das vítimas da pandemia

Comenzaron hoxe os 10 días de loito oficial decretado polo Concello en solidariedade coas persoas que perderon a vida durante esta crise sanitaria. Na sesión plenaria desta mañá, ás 12,00 h, os corporativos gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas da pandemia.

mércores, 27 mai 2020

A cidade de Vigo súmase desde hoxe á declaración de loito oficial durante dez días (desde as 00:00 horas de hoxe 27 de maio de 2020 ata as 00:00 horas do día 6 de xuño de 2020) en solidariedade coas vítimas da pandemia xerada polo brote de Covid-19. Deste modo, suspéndese a celebración de todos os actos festivos que estivesen previstos na cidade de Vigo durante este período no que en homenaxe ás vítimas as bandeiras ondearán a media hasta.

A traxedia xerada polo brote de SARS-CoV 2, declarado o 11 de marzo de 2020 pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como pandemia ten causado graves perdas persoais, que requiren da consolidación dos vínculos sociais cun duelo colectivo e unitario en lembranza das vítimas provocadas pola enfermidade. Coa esta finalidade o Consello de Ministros, a proposta do Presidente do Goberno, en sesión de data 26 de maio de 2020, aprobou o Real Decreto 538/2020, do 26 de maio, polo que se declara loito oficial polos falecidos como consecuencia da pandemia. A cidade de Vigo, en sintonía co Goberno da Nación, quere amosar publicamente a súa dor, así como testemuñar a súa solidariedade, apoio e condolencias aos familiares, amigos e demais achegados de todas as persoas vítimas do Covid-19, así como trasladar unha mensaxe de ánimo e de esperanza a todas as persoas que aínda permanecen hospitalizadas.

Descargar todas as imaxes