Vigo reclama á Xunta 2,7 millóns polo gasto social do Covid-19 e un fondo de acción local
En sesión ordinaria, o Pleno aprobou mocións instando ao goberno autonómico a transferir ao Concello 2,7 millóns de gasto social municipal polo coronavirus, a crear no prazo dun mes un fondo de acción local para urbes e deputacións por 300 millóns e a elaborar un Plan de reactivación económica.
Con todos os votos a favor salvo a abstención do Partido Popular, a Corporación viguesa aprobou este mércores unha moción presentada polo grupo do goberno de Vigo instando á Xunta de Galicia a ingresar 2,7 millóns de euros ao Concello polo gasto social que vén abonando desde o inicio da pandemia, facendo fronte ás necesidades básicas da cidadanía derivadas da crise do coronavirus.
Segundo propón o texto, a partida procedería dos fondos económicos que o Goberno de España trasladou ás comunidades autónomas, 300 millóns de euros no caso de Galicia, que non foron repartidos entre os concellos galegos. O Pleno demanda no seu acordo que a Xunta derive 2,7 millóns a Vigo “dese fondo recibido do Goberno de España ao obxecto de cubrir as necesidades inmediatas de gasto social”.
Por outro lado, a Corporación deu luz verde a unha segunda moción defendida polo grupo do goberno vigués, neste caso ao efecto de crear “un fondo de acción local destinado aos concellos e deputacións por un total de 300 millóns de euros, a aprobar no prazo dun mes”.
Vigo demanda á Xunta de Galicia que siga o modelo do Goberno de España -que destinou 16.000 millóns de euros ás comunidades autónomas- e coopere ante a incidencia económica que ten e vai ter esta crise en municipios e entes provinciais. Este acordo foi ratificado novamente co apoio de todos os grupos, a excepción da abstención do Partido Popular.
Plan galego
Os concelleiros vigueses adoptaron un terceiro acordo instando a tomar medidas para paliar os efectos socioeconómicos do coronavirus. En primeiro lugar, se require da Xunta de Galicia que “inicie a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais, no que se delimiten claramente as competencias das distintas administracións, para evitar duplicidades e baleiros no emprego dos recursos públicos”.
Da Xunta de Galicia tamén se demanda “a elaboración con urxencia dun Plan galego de axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas, que complemente as medidas do Estado”. A moción foi presentada polo concelleiro Xabier Pérez Igrexas e saíu adiante co respaldo dos dous concelleiros de Marea e a abstención dos grupos socialista e popular.
O acordo continúa instando á FEGAMP e á Xunta de Galicia “a esixir a derrogación da lei Montoro para permitir que os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto”, é dicir, do superávit e dos remanentes, e conclúe manifestando “a firme oposición da Corporación municipal a calquera pretensión do Ministerio de Facenda ou de calquera outra administración de incautar ou bloquear fondos e recursos municipais”.