Escoitar

O goberno de Vigo aproba as bases para subvencionar con 45.000 euros o deporte feminino

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ás normas que regulan a concesión dos apoios por concorrencia competitiva a entidades deportivas sen ánimo de lucro. O alcalde defendeu este venres a práctica deportiva das nenas e mulleres como un “gran paso na vía da igualdade, na concienciación sobre a igualdade”.

venres, 8 mai 2020

O alcalde deu conta este venres da aprobación das bases correspondentes á presente tempada deportiva 2019/2020, un programa dotado de 45.000 euros a conceder por concorrencia competitiva ás que poden optar entidades deportivas sen ánimo de lucro cun mínimo de dez licencias femininas. As solicitudes poderán ser presentadas durante dez días hábiles desde a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

O obxectivo do Concello pasa por potenciar a práctica deportiva das nenas e mulleres, segundo subliñou Caballero en rolda de prensa telemática. O rexedor defendeu o deporte como medio de consecución da igualdade, un “gran paso na vía da igualdade, na concienciación sobre a igualdade”.

Xunto a este programa, a administración presidida por Caballero ten unha liña de axudas para clubs de base con 925.000 euros de orzamento este ano e asina anualmente convenios con entidades de elite no deporte feminino, como por exemplo o Balonmán Carballal (que recibe 20.000 euros), o Celta feminino de atletismo (outros 20.000 euros), o Celta Zorka Recalvi de baloncesto (84.500 euros), o Balonmán feminino Lavadores (25.000 euros) e o Sárdoma de fútbol (23.000 euros).

Por outra banda, o rexedor vigués deu conta tamén da aprobación do texto do convenio a rubricar coa Asociación de Jóvenes Empresarios polo que o Concello lles achega 3.600 euros para apoiar as súas actividades a través do financiamento do alugueiro da súa sede.