Escoitar

O Concello contrata a redacción do proxecto do ascensor da Praza da Estación a Urzáiz e Vía Norte

O rexedor anunciou este venres que o encargo pasará pola Xerencia de Urbanismo do martes, un elevador emprazado nas actuais escaleiras, derrubadas pola obra da terminal Vialia. O goberno de Vigo busca un proxecto arquitectónico que resolva a unión da praza -que acollerá as fachadas da nova e da vella estación- coa confluencia de Urzáiz e Vía Norte.

venres, 8 mai 2020

As escaleiras que conectaban a Praza da Estación coa unión de Urzáiz e a Vía Norte foron pechadas e parcialmente demolidas pola obra de construción da estación Vialia, deseño do arquitecto estadounidense Thom Mayne. Para a nova conexión, o Concello contrata a redacción dun proxecto que contemplará a instalación dun ascensor no mesmo emprazamento.

Abel Caballero recordou que ese espazo actuará de enlace entre o futuro acceso á estación hoxe en obras e o muro da estación, onde se apoiará a fachada da histórica terminal ferroviaria de Urzáiz, desmontada e almacenada desde hai décadas. Co contrato do ascensor, o Concello de Vigo procura resolver a comunicación vertical entre a praza e Vía Norte e ademais obter un deseño arquitectónico acorde ao seu emprazamento, no medio das dúas fachadas.

“Avanzamos de forma moi importante no conxunto da estación”, asegurou este venres o alcalde, en referencia á terminal de Vialia en marcha, ao citado elevador e ao segundo que proxecta o Concello entre García Barbón e a estación de Urzáiz. “Queremos que sexa unha zona revitalizadora e excepcionalmente importante da cidade de Vigo”, manifestou Caballero, unha zona de ocio, comercio, paseo, encontro e tránsito que levará a “marca Thom Mayne”.