Escoitar

Abel Caballero reclama usar sen límite o superávit e o remanente fronte ao coronavirus

Nunha sesión plenaria monográfica sobre o Covid-19, o alcalde presentou as medidas adoptadas desde o inicio da crise e demandou empregar con liberdade o aforro e os 19 millóns de superávit do pasado ano para paliar os efectos da pandemia.

xoves, 16 abr 2020
Pleno celebrado hoxe
Pleno celebrado hoxe

O Pleno da Corporación celebrou este xoves unha sesión extraordinaria e monográfica sobre o coronavirus, coa presenza do alcalde, os tenentes de alcalde e os voceiros dos grupos municipais, co resto dos edís seguindo a sesión de forma telemática.

Logo de gardar tres minutos de silencio en memoria das persoas falecidas polo virus, o alcalde presentou as decisións adoptadas no marco do comité de seguimento da evolución do Covid-19. A relación das medidas concluíu, por parte de Abel Caballero, coa demanda de poder empregar sen límites tanto os remanentes como o superávit do pasado ano para facer fronte ás consecuencias da pandemia na cidade.

Explicou Caballero que, como presidente da FEMP, mantén relación permanente co Goberno de España e propuxo, de acordo cos grupos políticos do goberno da Federación, que os concellos poidan empregar “con liberdade” os seus remanentes e superávit do ano pasado. Ata o momento, engadiu, Vigo ten permiso para utilizar o 20% (3,8 millóns) do excedente de 2019 para política social e coa limitación de manter o equilibrio orzamentario; Abel Caballero require utilizar tamén o 80% restante ata os 19 millóns de euros do superávit do ano pasado, tamén os remanentes e sen condicionantes previos, como o de manter este 2020 o equilibrio orzamentario. O rexedor obtivo o respaldo dos grupos municipais nesta demanda.

Antes de arrancar coa relación das medidas adoptadas, o alcalde quixo transmitir o “pésame” da cidade polos falecidos por mor do coronavirus e trasladar solidariedade aos enfermos nas súas casas, en atención hospitalaria e ingresados nos coidados intensivos: “É un drama extraordinariamente importante e queremos que saiban que estamos do seu lado”.

E para finalizar a súa intervención inicial, o rexedor agradeceu o traballo dos empregados municipais e das empresas concesionarias, os dos servizos esenciais como a auga, limpeza, desinfección, seguridade “e de forma moi importante, aos sanitarios”. Estendeuno aos traballadores dos establecementos de alimentación e a toda a cidadanía viguesa que queda na casa: “Quero recoñecer o extraordinario comportamento da cidade”.

De cara ao momento actual, Caballero recomendou “moita atención, moita precaución e a garda levantada”, indicou que “non é momento de debate políticos” senón de “cooperación desde a lealdade absoluta” e agradeceu o “nivel político” dos grupos políticos municipais por estar “á altura das circunstancias”.

Descargar todas as imaxes