As axudas sociais do Concello de Vigo desde o inicio da crise superan os 370.000€
Abel Caballero informou este mércores da aprobación de 165 novas becas de comedor e 60 axudas de emerxencia. Así, desde o inicio da crise do Covid-19 o Concello de Vigo xa entregou un total de 3.896 axudas por valor de 371.535 euros.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu este mércores datos sobre as axudas de emerxencia que o Concello entregou desde o inicio da crise do Covid-19. Así, indicou que este mesmo martes aprobáronse novas becas de comedor para o alumnado e achegas a familias en situación vulnerable.
“Estamos a facer actuacións significativas desde o Concello para toda a xente que o precisa”, apuntou o rexedor durante a súa comparecencia telemática ante os medios de comunicación. Desta forma, apuntou que a cifra de becas de comedor aprobadas son xa 2.052 cun importe de 101.600 euros.
No reconto de todas as axudas de emerxencia, incluídas as 165 becas e 60 achegas entregadas onte, suman xa un total de 3.896 por valor de 371.535 euros. Respecto á entrega de comidas, xa foron repartidos un total de 11.824 menús en albergues e a través de cátering, ademais de conceder 750 novas tarxetas de alimentación a persoas vulnerables que teñen autonomía e autoxestión nos seus domicilios.
O servizo de axuda a domicilio, que permite a un auxiliar facer a compra para que a persoas non saian do seu domicilio, deu de alta de forma urxente a 24 familias máis e no caso da Teleasistencia hai 55 novas altas.
Pola súa banda, o programa Xantar na Casa ten outras 50 novas altas de urxencia para persoas maiores que viven solas e ata o momento o Concello deu acollida a 150 persoas sen teito no albergue municipal, no pavillón do Berbés, na Fundación Santa Cruz e en pensións e hostais contratados ao efecto.
O alcalde lembrou tamén que xa está habilitado o Seminario da Avenida de Madrid, en acordo co Obispado, para dispor de 16 habitacións destinadas a persoas que dean positivo e que as remita o Segas por non ter aloxamento.
Por último, Caballero fixo mención ao programa de infancia e familia que xa realizou entre o 16 e o 31 de marzo un total de 595 intervencións directas por teléfono para atención continuada a familias.