Vigo súmase á convocatoria “Desde mi balcón” de Photoespaña
A cidade e outros trinta concellos de España participan nesta iniciativa da que sairá unha exposición das imaxes tomadas pola cidadanía estas semanas, que se amosarán en fiestras e balcóns durante o verán.
O alcalde informou este martes da participación do Concello na convocatoria #PHEdesdemibalcón, promovida por Photoespaña, que no verán levará aos balcóns e fiestras da cidade unha selección das imaxes realizadas estas semanas pola veciñanza. O obxectivo é fomentar a creatividade durante o confinamento destas semanas.
Caballero explicou que para participar, aquelas persoas que queiran deben subir fotografías ao seu perfil de Instagrama cos hashtag #phedesdemibalcón #PHE20 e #photoespana_ ata o 17 de maio. A web de Photoespaña amosará unha selección diaria das mellores, que logo serán seleccionadas para a mostra do verán en cada cidade.
Vigo súmase á iniciativa xunto a outras 30 cidades españolas: Madrid, Salamanca, Valladolid, Santander, A Coruña, Alcobendas, Alcalá de Henares, Segovia, Badajoz, Sevilla, Barcelona, Córdoba, Logroño, Oviedo, Vitoria – Gasteiz, La Laguna, Las Palmas, León, Soria, Zaragoza, Toledo, Melilla, Xixón, Granada, Castellón, Teruel, Xaén, Elche, e Xetafe.