O novo PXOM de Vigo inclúe a reforma de Jacinto Benavente e o túnel de Beiramar
Abel Caballero informou de que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) inclúe a remodelación de toda a contorna da rúa Jacinto Benavente, así como a recuperación do plan para construír o subterráneo en Beiramar. Outras actuacións destacadas serán as de Praza de España, Alfageme ou A Artística.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxo borrador foi enviado polo Concello de Vigo o pasado 7 de abril á Xunta de Galicia, inclúe actuacións destacadas como a remodelación de Praza de España ou toda a contorna de Jacinto Benavente e Beiramar.
“Algúns tramos do Plan Xeral son especialmente destacables, como Praza de España, Alfageme, A Artística ou de forma singular Jacinto Benavente”, sinalou o rexedor na videconferencia diaria cos medios de comunicación.
Caballero explicou que o Concello xa traballa coa Autoridade Portuaria de Vigo, quen tamén elabora o seu Plan de Usos, para decidir cal e o tratamento que se lle da a toda a zona. “Queremos poñer en valor o Auditorio Mar de Vigo, queremos que a Xunta se implique no túnel de Beiramar, tal e como fixo na Coruña”, indicou.
Caballero xa adiantou este luns as liñas básicas do PXOM e destacou as previsións de construción de vivenda, a ampliación de zonas verdes e de solo industrial e a apertura de novas estrada, así como de dotacións para a cidade.
O alcalde fixou o ano 2023 como horizonte para a aprobación definitiva do PXOM. Así, espera que a Xunta dea unha resposta á Avaliación Ambiental este mes de outubro e que no primeiro trimestre de 2021 poida levarse a cabo a aprobación inicial.
Xunta de Goberno Local
Abel Caballero deu conta tamén da aprobación na Xunta de Goberno Local da encomenda da redacción do proxecto técnico de obras “renovación da tubaxe de abastecemento entre o final da Avenida de Camelias, entre Avenida da Hispanidade e a praza do Bicentenario á entidad concesionaria Aqualia. Segundo explicou,nese tramos, o abastecemento permanece sen cambiar desde os anos 50 ou 60 nos que se fixo a rúa. Será unha obra de emerxencia, dadas as avarías producidas, por valor de 120.000 euros e cunha duración de seis semanas.