O MARCO ofrece na súa web unha serie de entrevistas históricas a Manuel Colmeiro
A primeira entrevista estará dispoñible desde hoxe mércores. O material procede dos arquivos da CRTVG e da CRTVE e concíbese como unha actividade complementaria da mostra sobre o pintor que acolle o museo.
A exposición “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos”, que acolle o MARCO ata o 24 de maio, inicia de xeito virtual as actividades paralelas e complementarias co obxectivo de ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega. Entre elas destacan varias entrevistas realizadas a Colmeiro, procedentes dos arquivos da CRTVG e de CRTVE que estaba previsto proxectar nas salas do Museo.
Ante a imposibilidade da actividade presencial, as entrevistas irán publicándose na web do museo desde hoxe mércores, cando o público terá acceso, grazas a CRTVG e CRTVE, á obra e pensamento de Colmeiro en primeira persoa. A entrevista que está dispoñible deste hoxe foi realizada en 1981 en París e San Fiz de Margaride e foi dirixida por Mario Antolín, procedente do arquivo de Televisión Española.
O interese destes contidos reside no seu valor como documento histórico e no achegamento da perspectiva e reflexións do artista entre momentos diferentes da súa traxectoria vital e artística. Os documentos do propio pintor insiren a súa obra na tradición política do realismo histórico e explican as motivacións sociais e estéticas das obras. O seu testemuño fai máis comprensibles as obras de claro matiz social ou a serie de tintas sobre a Guerra Civil.
As reflexións de Manuel Colmenro explican tamén a súa procura dun novo clasicismo ligado ao cotiá. O traballo do pintor, como el subliña, teima en presentar cousas comúns, a milagre da existencia na súa imperturbada duración: maternidades, panadeiras, as tres grazas, as paisaxes, naturezas mortas…temas que se presentan desde unha análise de enorme rigor que pode parecer inxenua porque evidencia as virtudes sinxelas ou os feitos típicos da vida local, pero que posúe unha forte carga analítica.