O goberno de Vigo prevé duplicar a superficie de parques e zonas verdes no novo PXOM
Xa remitidos á Xunta de Galicia, o documento inicial estratéxico e o borrador do Plan poderán ser consultados na web en próximos días. A concelleira de Urbanismo, María José Caride, explicou que o novo PXOM é “realista, executable e sostible” e será “enriquecido” coa participación da cidadanía, institucións e colectivos.
Caride informou este mércores por vía telemática das principais liñas que traza o goberno de Vigo no novo Plan Xeral, que iniciou o seu trámite de avaliación ambiental estratéxica coa remisión do borrador e do documento inicial estratéxico á Xunta de Galicia. En próximos días, ambos documentos poderán ser consultados na web da Xerencia de Urbanismo, onde estará dispoñible tamén un espazo para trasladar suxestións nesta fase inicial.
A concelleira comezou a súa comparecencia explicando que a Xunta ten agora un mes para comprobar que a documentación enviada polo Concello está completa para despois empezar un proceso de consultas ambientais, unha vez expostos estes dous documentos -ou os corrixidos, de ser o caso- na web autonómica. Durante dous meses estará entón aberto a opinións sobre o alcance medioambiental do novo Plan. Posteriormente se concretará as condicións urbanísticas específicas de cada ámbito, o que levará ao Concello a ter un documento apto para ser aprobado inicialmente, antes de solicitar os informes sectoriais e saír a información pública. A previsión municipal é ter o Plan aprobado inicialmente no primeiro trimestre do 2021.
No relativo ás “infraestruturas verdes”, en verbas da concelleira e tenente de alcalde, o goberno vigués prevé xerar co novo Plan Xeral outros 1,7 millóns de metros cadrados de parques e zonas verdes na cidade, polas 1,6 millóns das que Vigo dispón actualmente, sen contar os montes forestais e o ámbito da Universidade.
Vigo conta con seis grandes parques e o novo Plan recolle outros oito máis, ademais de ampliar as zonas verdes da Guía e da Riouxa. Entre os novos, un na Avenida de Europa de 100.000 metros cadrados e outro próximo, un pouco máis ao sur, de 30.000 metros cadrados máis. En Rego da Balsa estará o maior parque da cidade, con 280.000 metros cadrados, e haberá máis en Monte da Mina e tres relacionados co río Lagares: un á altura de Severino Cobas, outro en Álvarez e outro en Sárdoma.
Caride defendeu que o modelo de cidade que debulla o goberno vigués no novo Plan Xeral é “realista, executable e sostible” e que consolida a xeografía “alongada e costeira” dun Vigo “compacto”. Seguindo os criterios históricos de evolución de poboación e as estimacións do INE en vinte anos, o Concello calcula un crecemento do censo vigués en 25.000 persoas e, unido ao número inferior de persoas por casa, estima que serían precisas unhas 50.000 vivendas. A concelleira recordou que o PXOM de 2008 prevía 116.000 vivendas máis.
O goberno vigués quere compactar a cidade co desenvolvemento do novo Plan Xeral, mantendo a súa estrutura actual e incorporando as necesidades de futuro, no relativo a vivenda, solo industrial ou novos viais. No tocante ás parroquias, Caride avogou por mellorar a súa calidade de vida a través de dotacións públicas e zonas verdes de convivencia, máis aló dos montes.
O borrador do Plan é un “documento vivo” que será “enriquecido” coa participación de cidadáns, colectivos e institucións, indicou Caride. O novo PXOM pretende un Vigo sostible “co medio ambiente como fío condutor” e prescinde das cuestións máis socialmente contestadas do anterior de 2008, como a Ronda, Porto Cabral, a Cidade do Frío ou as 116.000 vivendas planificadas, os principais argumentos das 60.000 alegacións que foron presentadas durante a súa tramitación.