Escoitar

A Corporación valora o traballo do comité municipal de seguimento do Covid-19

Os voceiros dos grupos municipais expuxeron no Pleno, celebrado esta mañá, o seu recoñecemento á cidade pola actitude amosada durante a situación de emerxencia sanitaria e trasladaron o apoio ao grupo de goberno propoñendo medidas para afrontar a crise

xoves, 16 abr 2020

O primeiro en tomar a palabra foi Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, quen valorou positivamente as actuacións do comité de seguimento que “permitiron anticipar a resposta para salvagardar a saúde pública” e agradeceu a relación institucional do Goberno municipal cos grupos, o que “nos permitiu colaborar de maneira leal”.

Sobre a “complexa situación económica, social e laboral” que debe afrontar a cidade instou a “despregar con audacia e determinación” as medidas que eviten que as consecuencias recaian nas clases populares e traballadoras propoñendo unha “primeira liña de coidados do pobo e da veciñanza”. Entre as propostas trasladadas apuntou un “plan de protección social” estendendo os dispositivos extraordinarios postos en marcha para a poboación sen teito, reforzar o albergue municipal, promover unha nova convocatoria do cheque social para gastos de subministros e alimentación, modificando os requisitos para facelos máis accesibles, aumentar a dotación do servizo de axuda no fogar e continuar reforzando con tódolos medios o persoal dos servizos de benestar social do Concello. Amais Pérez Igrexas propuxo aumentar as contías dos programas de emprego municipais, axudas directas a autónomos, ao tecido comercial, promovendo unha liña de micro créditos municipais para pequeno comercio, modificar calendario fiscal para habilitar bonificacións e pagos aprazados sen recargos no que queda de ano ou acordar na mesa local de comercio as medidas necesarias para promover o consumo local así como un plan específico para o tecido cultural.

O voceiro do grupo mixto, Rubén Pérez, salientou a actitude dos municipios na emerxencia sanitaria sendo “Vigo, un dos primeiros en tomar medidas” e agradeceu ao alcalde e ao grupo de goberno a canalización das propostas da oposición e a rápida posta en marcha de medidas, algunhas das cales serviron de “iluminación para o resto de concellos”. Con todo, lamentou que haxa “24.000 millóns de euros nas contas bancarias dos concellos que non podemos usar”. Definiu como “prioritarios” as axudas a familias, comercio local e autónomos e propuxo axudas directas ás pemes, pequeno comercio e hostalería, con peso na masa de emprego da cidade, amais de medidas para o sector cultural e, tendo en conta que o Concello programa moitísimo, pediu que se manteña a programación aínda que non se poida celebrar, que se pospoña e demandou que os 300.000 euros comprometidos polo goberno municipal ao Marisquiño, que este ano non se vai celebrar, vaian para o sector cultural da cidade.

Amais, o voceiro do grupo mixto propuxo a busca dun mecanismo de financiación da actividade empresarial a través de créditos ou axudas directas á contratación e un plan de choque social, liberando recursos municipais para afrontar necesidades, un ámbito no que, dixo, “o concello actuou rápido e dilixente” e reiterou a petición de que as administracións permitan a Vigo empregar “19 millóns de euros que nos darían capacidade para solucionar cuestións que dinamicen a economía da cidade e da cidadanía”. Así mesmo, considera Rubén Pérez que calquera medida implementada nestes meses “debería ter continuidade no tempo”.

 

O voceiro do grupo popular, Alfonso Marnotes, defendeu na súa intervención o “bo traballo da Área Sanitaria de Vigo e do persoal” neste “momento crítico para a cidade, o peor momento do seu mandato”, referíndose ao alcalde, nunha “situación dramática na que  ningunha decisión é fácil, non sempre se acerta e sempre faltan medios”,  recoñecendo os acertos do goberno municipal en materia social. Salientou as moitas medidas tomadas en política social, onde “aflorou a realidade da pobreza, poñendo de manifesto que había situación de vulnerabilidade”. Para Marnotes Vigo é a cidade “máis golpeada pola crise. automoción, naval pechado, restauración que dificulta a situación da pesca… sufrimos máis ca ninguén esta crise”, polo que valorou o aprazamento do pago de impostos, considerando que haberá que baixar algúns e eliminar outros. Propuxo deixar de cobrar a auga, lixo, IBI e IAE aos comercios pechados e estudar o cobro adaptado do imposto de circulación de vehículos. Amais, considera que debe facerse un plan de choque para os autónomos e as micropemes con bonificacións directas, exencións impostos e reembolso polos gastos que están tendo “coa implicación de quen faga falta” e suxeriu a gratuidade dos aparcamentos próximos as centros sanitarios para o persoal dos mesmos. “Hai que usar o superávit, centrarse en medidas sanitarias e protexer á poboación”, apuntou o voceiro popular apelando ao traballo conxunto da Corporación porque “imos ter que remar todas e todos” neste escenario complicado no social e no económico.

O alcalde pechou a quenda de intervencións dos grupos municipais por parte do grupo de Goberno trasladándolles a súa “satisfacción polo ton” empregado neste momento no que “a situación demanda da política unha forma diferente de cooperar co ben común que é a vida”. Explicou o inicio este mesmo xoves das reunións do consello asesor da cidade ante esta situación na procura “unha saída conxunta” na que haberá que poñer o enfoque no futuro inmediato e tendeu a man ao Goberno de España e á Xunta de Galicia porque “aquilo que poidamos facer xuntos, traerémolo ao Pleno”.