O Concello porá a disposición dos hospitais vigueses os contedores de residuos ofrecidos por Contenur
Abel Caballero lembrou este xoves o ofrecemento de Contenur, que xa está fabricando colectores específicos para Fátima e Povisa, á espera de que o Sergas estude a proposta municipal. Namentres, os bombeiros incorpóranse ao dispositivo de desinfección das rúas dedicados especialmente a zonas hospitalarias e sanitarias.
Segundo apuntou o alcalde, Contenur xa está provisionando contedores específicos para residuos perigosos dos hospitais vigueses, logo de ofrecer ao Concello este tipo de colectores para os centros sanitarios. A empresa “está atendéndonos de forma especial e quero agradecerlle que o faga de xeito gratuíto”, sinalou.
Así, o Hospital de Fátima solicitou 30 colectores e Povisa pediu 12 que se están fabricando nestes momentos mentres o Concello agarda a resposta do Sergas á súa proposta. Caballero explicou que o xerente da Área Sanitaria de Vigo falou esta mañá co tenente de alcalde responsable da área de Limpeza para trasladarlle que estudarían a oferta feita polo Concello para dotalos destes contedores. Trátase de depósitos fabricados baixo normas concretas, con total trazabilidade e certificados para o uso de residuos hospitalarios perigosos con toda a garantía.
Abel Caballero urxiu a “a tódolos hospitais a que instalen estes contedores porque é unha garantía para a cidade e para os hospitais”
Dispositivo de desinfección das rúas
O rexedor deu conta tamén do traballo “intensificado” que realiza o dispositivo especial de desinfección diaria da cidade con 4 equipos de 8 personas en quendas de mañá, tarde e noite cubrindo toda a cidade de forma “masiva e continua”.
Ás zonas de traballo incorporouse o Pavillón do Berbés, que acolle a persoas sen teito, onde se desinfectan aseos, vestiarios, dormitorios e todo el perímetro exterior. Amais, os bombeiros incorpóranse ao dispositivo centrándose en tres zonas: os hospitais públicos, hospitais privados e ambulatorios da cidade.