Escoitar

O alcalde eloxia a exemplaridade e civismo da cidadanía viguesa durante o confinamento

A Policía Local denunciou este luns a 45 persoas por incumprir o decreto de alarma na cidade polo que o rexedor recalca que as condutas incívicas poden danar a saúde de todos.

mércores, 25 mar 2020

Abel Caballero amosouse este martes “categórico e claro” lembrándolle ás viguesas e vigueses que deben respectar o decreto do estado de alarma que limita as saídas para necesidades básicas como facer a compra ou acudir á farmacia ou a un centro sanitario. “Non se pode pasear, ou estar en zonas comúns de patios ou vivendas, terrazas de edificios… temos que ser disciplinados”.

Con todo, trasladou o seu orgullo polo “extraordinario comportamento que está tendo a cidade comportándose de acordo coa norma con exemplaridade e civismo porque estamos velando pola nosa saúde e pola dos demais”.

Segundo detallou, a Policía Local denunciou onte luns a 45 persoas por saltarse o decreto,  10 más ca na xornada anterior. Amais, realizaron 12 advertencias verbais, identificaron a 246 persoas e a 359 vehículos. Entre as intervencións realizadas destacou un requirimento nun local da zona da Avenida Arquitecto Palacios informando da obriga de permanecer cerrados, un bar no centro da cidade que estaban exercendo a súa actividade coa persinana baixada, a información trasladada a un mozo que se atopaba lendo no patio dunha comunidade de veciños e a identificación de 4 mozos que se reúnen tódalas noites.

“Estes incívicos seguirán sendo multados para entender que non se pode vulnerar o decreto de confinamento”, sentenciou o alcalde.