Escoitar

O Concello abrirá este martes o pavillón do Berbés para acoller a persoas sen teito

Abel Caballero informou este martes de que o Concello de Vigo xa ten todo listo para abrir esta mesma noite o pavillón do Berbés con outras 38 prazas de aloxamento destinadas a persoas sen teito. O alcalde engadiu que se é necesario está todo preparado para habilitar outro pavillón da cidade.

martes, 24 mar 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes en rolda de prensa que xa está todo disposto para que esta noite abra o pavillón do Berbés con 38 novas prazas de aloxamento destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade. “Desta forma xa temos un total de 138 pazas dispoñibles na cidade”, asegurou o rexedor nunha comparecencia a porta pechada que foi remitida posteriormente aos medios de comunicación.

Unha vez concluída a desinfección de todas as instalacións do pavillón do Berbés, o Concello ultima os preparativos para que esta noite do martes estea todo listo. O rexedor explicou que, seguindo as instrucións do Goberno central, dividiuse o centro deportivo en cinco zonas diferenciadas.

Así, haberá unha zona de recepción individual para identificación de usuarios, onde se lles informará das normas de confinamento e de convivencia. Ademais, se lles entregará un kit de hixiene e se lles dará paso á zona obrigatoria de ducha. Aquí, recibirán un albornoz e zapatillas de baño.

Na zona de pernocta haberá 38 camas con medidas de seguridade, igual que no lugar de comedor e ocio. Por último, está prevista unha zona de illamento por se houbese un caso positivo de coronavirus.

Caballero explicou tamén que o albergue municipal, situado a escasos metros, será o encargado de servir a comida e que o persoal destinado á atención dos usuarios será un equipo multidisciplinar de Cruz Vermella formado por 20 persoas con catro perfís (traballadores sociais, técnicos de inclusión social, psicólogos e educadores sociais). Entidades como EMAUS e Érguete aportan tamén profesionais que xa atenden a algúns dos usuarios que chegarán.

O alcalde indicou que actualmente están localizadas 20 persoas para o seu traslado a estas instalacións do Berbés e que está contemplado a necesidade de abrir outro pavillón da cidade.

Agradecementos por doazóns

Ademais, Abel Caballero agradeceu a empresas e particulares que están realizando doazóns á cidade con material sanitario (Autocares Estévez Avión, Raquel González, Asociación contra el Cáncer, Adicam e Wofo-Pescado Congelado), alimentos (Coca Cola, Nueva Pescanova, Halcourier Vigo, Kebel Logistics, Hotey B&B e Agustina Amoedo) e particulares que doaron enseres domésticos (Inés Escribano, Susana Pena, Vicente Ferrer e María Luisa Blanco).

Descargar todas as imaxes