Os usuarios do autobús que abonan en metálico poden solicitar desde este xoves unha tarxeta moedeiro
O efectivo deixará de ser forma de pago nos autobuses en próximos días, polo que o alcalde instou á cidadanía que emprega o metálico a solicitar en Vitrasa unha tarxeta moedeiro, dispoñibles desde este xoves. A pago exclusivo con PassVigo ou medio análogo procura minorar o risco de contaxio eliminando o intercambio de moedas e billetes.
Abel Caballero anunciara este martes que o sistema de pago único con PassVigo ou equivalente se aplicaría proximamente nos autobuses, unha vez que estivera establecido un sistema áxil de expedición e entrega de tarxetas aos usuarios que continúan empregando o efectivo.
O alcalde informou que as tarxetas moedeiro que substitúen o pago en efectivo estarán dispoñibles desde este xoves e instou aos usuarios a solicitala a Vitrasa (no número 986 919 299), onde se lles dará indicacións e unha cita para conseguila. Explicou Caballero que o obxectivo da supresión temporal do efectivo é minimizar o risco de contaxios a través do condutor e advertiu que a prohibición do efectivo entrará en vigor “inmediatamente”.
Ante a crise do coronavirus, o rexedor recordou as medidas adoptadas no autobús urbano vigués: o acceso pola porta traseira do vehículo e pago na máquina alí emprazada, a limitación do aforo ao 30% da capacidade máxima do autobús, o mantemento da distancia mínima de seguridade dun metro, a prohibición de ocupar as primeiras filas e a obriga de deixar unha butaca libre de separación. As liñas aos hospitais serán cubertas por un articulado tipo “eiruga” cun segundo autobús habitual detrás, para asegurar a distancia de seguridade entre os pasaxeiros.