Escoitar

Clausúrase o Plan de Formación para ONLs da Concellería de Participación Cidadá

A concelleira Mariló Cabaleiro entrégalles os diplomas aos asistentes aos cursos do Plan de Formación para ONLs o martes 20 de maio ás 19:30 no Centro Cívico de Teis.

martes, 20 mai 2003
No marco deste Plan, entre os meses de outubro de 2002 e abril de 2003, procedeuse ao desenvolvemento de nove cursos que atendían a temáticas centrais para a acción das entidades non lucrativas.

Os cursos tiñan como destinatarios principais a persoas voluntarias, colaboradoras, directivas e técnicos das ONLs. As accións formativas desenvolvéronse no Centro de Servicios Socio-comunitarios “Casco Vello” e no Centro Cívico de Teis.

En conxunto, asistiron aos cursos un total de 100 persoas, concretando, deste xeito, a implicación no desenvolvemento do Plan dunha variada tipoloxía de entidades. Así, un 34% do alumnado tiña vinculación con entidades da área socioasistencial; un 13% con entidades de tipo laboral-sindical-profesional; un 11% con entidades do movemento asociativo veciñal; un 8% con entidades de tipo cultural; un 4% con entidades do ámbito da solidariedade; e un 3% con entidades da área xuvenil. O restante 26% pertencía a outro tipo de ONLs. No que toca ao xénero, decir que sete de cada dez asistentes eran mulleres.

O Plan de Formación constituíu unha ferramenta para a mellora da capacidade de organización das ONLs do Concello de Vigo, procurando reforzar o seu potencial de acción e desenvolvemento. Neste sentido, o resultado desta formación foi avaliado como moi satisfatorio polo conxunto dos asistentes aos cursos, que destacan especialmente a aplicabilidade dos contidos abordados, así como o carácter práctico e participativo co que se desenvolveron as clases. O desenvolvemento do Plan constata, de todos xeitos, as dificultades que a vida cotiá formula para que moitas das persoas que forman parte do sector poidan adicar o seu tempo á formación.

A tenor do exposto, pódese destacar que o Plan de Formación de ONLs representa unha experiencia dinámica e moi positiva, que abre novas posibilidades de encontro e traballo conxunto entre as entidades non lucrativas da nosa cidade, así como entre o sector e a Concellería de Participación Cidadá.

Cursos desenvolvidos:

1. Curso de “Estratexias para a dinamización da participación”.
2. Curso de “Introducción á informática”.
3. Curso de “Fiscalidade de ONLs”.
4. Curso de “Introducción a Office”.
5. Curso de “Captación de fondos nas ONLs”.
6. Curso de “Traballo en equipo”.
7. Curso de “Introducción á xestión económica para ONLs”.
8. Curso de “Xestión e organización de proxectos en ONLs”.
9. Curso de “Análise de necesidades sociais cara á intervención social”.