Escoitar

Castrillo anuncia que o Concello xa ten terreos para construír cinco novas escolas

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, presentou o Plan de de Creación da Rede Municipal de Escolas Infantís, un documento no que se avalían as necesidades da cidade no eido da educación de menores de tres anos e se especifican as infraestructuras que cómpre acometer e o presuposto necesario.

luns, 19 mai 2003
1053347139educa.jpg
Gandón e Castrillo
O Plan Municipal de Escolas Infantís prevé a creación de 12 novos centros. Este plan considera prioritario ampliar a rede de escolas infantís públicas para aproximar a oferta de prazas ás recomendacións dos organismos internacionais. A actual oferta pública en Vigo é insuficiente, situación que empeoraría no futuro próximo se non se adoptan medidas. Por iso, no Plan recóllese a necesidade de crear 12 novas escolas nos próximos dez anos, para poder ofertar 900 prazas máis. Deste xeito acadaríase unha porcentaxe de escolarización pública neste treito de idade do 37 por cento, lixeiramente por riba do mínimo que establecen os organismos internacionais.

O Plan establece xa os barrios onde se ubicarían as novas escolas. Para iso estudiouse en cada un deles os recursos existentes, a demanda e a evolución da poboación. Castrillo propón abordar a construcción dos centros en duas fases. A primeira abranguería dende agora ata o ano 2007. Neste periodo construiríanse 5 escolas para as que o Concello xa ten os terreos precisos: Saians, Beade, Florida, Navia e Sárdoma. Na segunda fase (2007-2013) construiríanse escolas en Hispanidade, A Pastora, Mantelas, Guixar, Alcabre, Lavadores e na zona de Pizarro.

O Plan recolle tamén a creación doutra ludoteca municipal e permitir o acceso a elas dos rapaces e rapazas de 0 a 3 anos. Asemade proponse a implantación dun programa denominado "Bebé e familia" que permita a pais e nais adquirir coñecementos que lles permitan atender correctamente aos seus fillos. O custo de execución completa do Plan estímase en 23.705.800 euros.

Lois Castrillo xustificou a elaboración deste Plan polo déficit de escolas infantís públicas en Vigo e pola necesidade de ofrecerlle ás familias un servicio que na actualidade é sentido como unha necesidade imperiosa por moitas parellas que deben compatibilizar o coidado dos fillos co seu traballo.
Descargar todas as imaxes