Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade apoiar as reclamacións do feminismo galego

A celebración do Día Internacional da Muller Traballadora o vindeiro 8 de marzo conta xa co apoio de todos os grupos municipais do Concello de Vigo. O BNG acadou este mércores os votos a favor do PSOE, PP e Marea de Vigo para aprobar a moción que presentou no Pleno Municipal da Corporación.

mércores, 26 feb 2020

O Pleno Municipal aprobou este mércores por unanimidade a moción do BNG con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. A proposta nacionalista saíu adiante cos votos favorables de PSOE, PP e Marea de Vigo.

A aprobación inclúe recoñecer e apoiar as convocatorias do feminismo galego que neste 2020 colocan no centro do debate os coidados e a consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político.

Tamén queda aprobado na proposta demandar á Xunta de Galicia o seu compromiso coa realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado. Igualmente, reclamar á administración autonómica e ao Goberno central o incremento da dotación orzamentaria dedicada a políticas de dependencia de forma que se garanta a prestación do servizos e se melloren as condicións laborais e salariais das traballadoras.

Por último, insta ao goberno local a despregar un maior esforzo en favor da loita pola igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Recadación do IVE
Por outra banda, tamén saíu adiante cos votos de PP e BNG, ademais da abstención de PSOE e Marea de Vigo, a moción do grupo “popular” esixindo ao Goberno de España a que faga efectivo o pago, pola non inclusión dunha mensualidade da recadación do IVE na liquidación de recursos do sistema de financiamento de 2017, que debe ás entidades locais e outros acordos complementarios.