Vigo demanda á Xunta unha partida para apoiar as festas da cidade
A moción socialista saíu adiante co apoio do concelleiro non adscrito, o voto en contra do PP e a abstención do grupo mixto. O Pleno acordou amais reclamar ao goberno de Feijóo unha partida para apoiar as orquestras sinfónicas e as bandas de música de Vigo e demandou outra partida para voos dende o aeroporto olívico.
A Corporación Municipal de Vigo insta á Xunta de Galicia a dispoñer unha partida nos orzamentos coa denominación específica de “Apoio ao desenvolvemento turístico de Vigo nas súas festas de Nadal, Entroido, Reconquista e verán”. O concelleiro Carlos López Font expuxo o “fenómeno que se está dando na cidade” que, logo do éxito do Nadal e os datos positivos de ocupación hostaleira, está situada como unha “referencia no mapa de España” de maneira que se proxecta a imaxe como cidade e permite que “o foco de atención” estea tamén en Galicia.
A moción do grupo municipal socialista recibiu o apoio do concelleiro non adscrito, o voto contrario dos populares e a abstención do grupo mixto.
Partida para orquestras sinfónicas e bandas de música
Ademais, a sesión plenaria deu luz verde este mércores á moción socialista pola que se insta ao Goberno Autonómico a que habilite unha partida orzamentaria en apoio ás orquestras sinfónicas e ás bandas de música de Vigo, atendendo ás “xustas reivindicacións do mundo da música da cidade e para superar a discriminación histórica”.
O texto recolle o apoio da Xunta á Orquestra Sinfónica de Galicia (2,6 millóns en 2019), á Orquestra Filharmónica de Galicia (1,5 millóns de euros en 2019) e a falta de achegar ao orzamento do MArco. A moción, defendida polo edil de Cultura, Abel Losada, recibiu os votos favorables do concelleiro non adscrito e do grupo mixto e a abstención do grupo do PP.
2,5 millóns de euros para o aeroporto de Vigo
O Pleno acordou tamén instar ao goberno autonómico a habilitar unha partida orzamentaria de apoio aos voos dende o aeroporto de Vigo por importe de 2,5 millóns de euros, unha terminal que, segundo expón a moción do grupo municipal socialista, “vén sendo castigada pola Xunta de Galicia nos últimos anos”, obviando a “importancia que ten no desenvolvemento industrial de todo este territorio e no recente impacto turístico que está tendo a cidade”. Foi aprobada co rexeitamento de populares, grupo mixto e concelleiro non adscrito.