Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aprobará a addenda ao convenio da estación do AVE

Abel Caballero avanzou que o vindeiro mércores o Consello da Xerencia de Urbanismo dará luz verde á addenda que modifica o convenio entre ADIF, Concello e Xunta de Galicia e que totaliza 21,4 millóns de euros

luns, 24 feb 2020

 

Na sesión do próximo mércores, 26 de febreiro, quedará aprobada, de forma definitiva, a aprobación de addenda modificativa ao convenio de colaboración entre ADIF, o Concello e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia para a execución dos accesos á nova estación de alta velocidade e para a viabilidade urbana na contorna da estación intermodal, isto é a conexión co centro da cidade a través da rúa Lepanto. Coa addenda o investimento do conxunto da obra sitúase en 21,4 millóns de euros, achegando ADIF 14,5 millóns (68%), o Concello 3,4 millóns (16%) e a Xunta 3,4 millóns (16%).

O alcalde valorou a importancia do incremento na achega ao convenio do Goberno de España, que pasa de 6,7 a 14,6 millóns de euros, é dicir, case 8 millóns de euros. No tocante aos accesos ao conxunto da estación, sinalou que teñen un orzamento de 11,8 millóns de euros, dos que ADIF achega o 74,%, o Concello o 21% e a Xunta o 4,6%. O prazo de execución é de 17 meses e a previsión é que a licitación se inicie no mes de marzo

Derrubamento de edificación

A Xerencia de Urbanismo do vindeiro mércores dará luz verde á incoación da contratación das obras de execución subsidiaria de derrube da edificación situada en Camiño Romeu 32, en Coruxo. Trátase dunha estrutura composta de planta semisoto, baixa, primeira e baixo cuberta cunha superficie construída de case 900m2, realizada sen licenza e incompatible co ordenamento urbanístico. Segundo explicou o rexedor, sobre o “adefesio” pesa unha orde de demolición impugnada polos propietarios que perderon e, ao non asumir a demolición, será a Xerencia de Urbanismo a que proceda a executala trasladando aos propietarios o custo da operación, duns 67.000 euros. “En Vigo impera a legalidade urbanística, as normas cúmprense” sentenciou Caballero.