Escoitar

Vigo atendeu en 2019 a 1.444 persoas no Centro de Inclusión e Emerxencia Social

O albergue de Marqués de Valterra, o único público municipal de Galicia, prestou servizo a case 1.500 persoas en 2019, acolleu 13.000 pernoctas e deu 21.000 menús no seu comedor social. Abel Caballero ofreceu este venres as principais cifras que deixou o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) do Concello no pasado ano.

venres, 21 feb 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O Concello de Vigo dedica máis de 800.000 euros anuais ao CIIES de Marqués de Valterra, o único público municipal existente en Galicia, que abriu as súas portas a finais do ano 2012.

Este venres, o alcalde deu conta do seu funcionamento durante o pasado 2019, ano no que atendeu a un total de 1.444 persoas en todos os servizos que presta o Concello neste centro. En detalle, no albergue durmiron 742 persoas para un total de 12.931 pernoctas computadas no pasado exercicio. O nivel medio de ocupación das camas foi do 93%, ascendendo ao 98,33% nas vacantes para homes e ao 74,11% nas de mulleres.

Ao comedor social acudiron 786 persoas durante o pasado ano e o equipo de rúa -que ofrece bebida quente, mantas e os servizos de Marqués de Valterra ás persoas sen fogar- anotou 758 intervencións en total.

O Concello tamén incorpora neste centro un servizo de hixiene, con duchas e lavandería, e unha sala de lecer. No 2019 pasaron polas duchas un total de 680 persoas (para un total de 15.497 duchas computadas) e 504 persoas empregaron as lavadoras (para un total de 4.496 lavados realizados). A sala de lecer acolleu a 20.362 usuarios, dos que 16.579 foron homes e 3.783, mulleres.

En declaracións aos medios, Abel Caballero valorou o “gran servizo que presta a cidade”, a través do CIIES, “aos verdadeiros desherdados da terra” e amosouse “moi orgulloso” de que Vigo teña un espazo para atendelos.

Descargar todas as imaxes