O alcalde insta á Xunta a solicitar os informes sectoriais para a ampliación do Ifevi
Abel Caballero apunta que a Lei 3/2016 permite a petición dos informes durante o período de exposición pública polo que esixe celeridade ao goberno autonómico, dada a importancia de Conxemar como “feira económica de rango mundial”.
O rexedor vigués informou de que na última reunión do Padroado do Ifevi, celebrada onte mércores, o Concello, a Deputación e a Mancomunidade esixíronlle á Xunta de Galicia que solicite “de inmediato” os informes sectoriais correspondentes para a tramitación do proxecto de ampliación do IFEVI, dado que a Lei 3/2016 permite facelo.
Así, lembrou que é posible que o goberno autonómico pida eses informes, preceptivos e vinculantes, a aeroportos, aviación civil e estradas durante a fase de información pública, o que axilizaría a tramitación. De feito, Caballero sinalou que a Xunta de Galicia si solicitou informes previamente noutras ocasións, por exemplo, para a estación de autobuses criticando que “no Ifevi non ten présa”.
O alcalde de Vigo rexeitou o atraso do goberno autonómico coa ampliación do Recinto Feiral de Vigo sendo Conxemar “a máis importante feira económica de rango mundial que hai en Galicia” e explicou que lle solicitou ao director xeral de Aviación Civil, con quen se reuniu en Madrid esta semana, celeridade na emisión do seu informe, unha vez que sexa solicitado pola Xunta de Galicia.