O Concello interpón un recurso contencioso contra a licitación do servizo de mantemento e conservación da presa de Eiras
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución de Augas de Galicia para contratar a conservación e o mantemento da presa de Eiras. O alcalde explicou que é o Concello o que ten as competencias e o que xa presta ese servizo.
O Concello de Vigo aprobou este xoves na Xunta de Goberno Local a interposición dun recurso contencioso administrativo contra a licitación de Augas de Galicia para o servizo de explotación, conservación e mantemento da presa de Eiras, dos seus equipos e instalacións en Fornelos e Ponte Caldeas.
A licitación foi publicada por Augas de Galicia na Plataforma de Contratos de Galicia o pasado 14 de outubro e, segundo explicou este xoves Abel Caballero en rolda de prensa, a explotación, o mantemento e a conservación da presa de Eiras xa é competencia do Concello e a realiza a través da concesionaria municipal baixo a supervisión do xefe de Servizo de Execución e Planificación de Augas de Galicia, dependente da Xunta.
A competencia foi concedida ao Concello de Vigo polo Ministerio de Obras Públicas e publicada en el BOE el 17 de agosto de 1962. Ademais, o Tribunal Económico Administrativo xa paralizou en decembro a pretensión da Xunta de Galicia de cobrar 655.000 euros polo mantemento da presa no ano 2014, importe que xa costeou o Concello.
Enerxía eléctrica
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga do contrato de subministro de enerxía eléctrica en media e baixa tensión para as distintas instalacións e dependencias do Concello de Vigo. O contrato cunha prórroga de 1 ano ten un importe de 5.889.296,63 euros.
O alcalde explicou que a decisión de prorrogar o contrato débese a que actualmente están en estudo outras alternativas para a xestión das necesidades de subministro de enerxía eléctrica e para unha xestión máis sostible.
Obradoiro de emprego
Por outra banda, recibiu o visto e prace o proxecto Obradoiro de Emprego “Vigo Capacita VI” para 20 alumnos (10 con especialidade “Cociña” e 10 de “Servizos de Restaurante”) cunha duración de 9 meses.
A fecha prevista de inicio é o 1 de xullo nas instalacións do CVC Valadares e as comidas serán servidas no comedor social da Asociación “La Sal de la Tierra” e no propio comedor do Obradoiro para persoas usuarias de Servizos Sociais do Concello de Vigo.