O goberno municipal esixe á Xunta a mellora inmediata da actual estación de autobuses de Vigo
O alcalde de Vigo detallou esta mañá as deficiencias que presenta a estación de autobuses de Vigo, xestionada pola Xunta de Galicia. En rolda de prensa, instou á inmediata mellora dunhas instalacións “catastróficas” ao tempo que aclarou que aínda non está definido se esa dotación pública vai seguir funcionando como estación ou non
O alcalde de Vigo esixe á Xunta a mellora da actual estación de autobuses de Vigo que é unha “calamidade”. Na súa opinión, o que ten que facer de xeito inmediato o goberno autonómico e “adecentar” o estado dunhas instalacións nas que non funcionan as escaleiras mecánicas, non hai bancos nas dársenas, non están operativas as pantallas coa información de chegadas e saídas, ao non funcionar as pantallas da parte de arriba, os usuarios vense obrigados a esperar abaixo, onde non hai sitio para sentarse e a cafetería non funciona os sábados. A este respecto, instou á Xunta a arranxar todas estas cuestións ao tempo que reiterou que aínda está por decidir se esas instalacións van seguir funcionando como estación ou non. En todo caso, o hipotético cambio de uso do solo decidirao a cidade a través do PXOM. Outra as cuestións que subliñou, é o feito de que os terreos foron cedidos polo Concello para construír unha estación polo que o normal, se termina este uso, é que reverterán na administración local de novo.