Escoitar

O Pleno insta á Xunta a construír o IES de Navia nos termos do protocolo enviado polo Concello

A Corporación municipal aprobou tamén a moción socialista que lle reclama ao goberno autonómico unha partida de 5 millóns de euros para a cubrición dos patios dos 17 centros escolares da cidade.

mércores, 26 feb 2020

A sesión plenaria deste mércores deu luz verde á moción do grupo municipal socialista, co apoio do grupo mixto e do concelleiro non adscrito e coa abstención do PP, que insta á Xunta de Galicia á construción dun novo IES en Navia nos termos, especificacións e compromisos que figuran no borrador do Protocolo Xeral de actuación entre a Consellería de Educación e o Concello de Vigo, remitido polo consistorio olívico e pendente de aceptación e sinatura.

A edil de Urbanismo, María José Caride, defendeu a proposta socialista argumentando a necesidade desa dotación educativa en Navia onde o alumnado está adscrito nestes momentos a centros situados a máis de 10 quilómetros de distancia e, tendo en conta que o Concello puxo a disposición da Xunta unha parcela de máis de 12.000 metros cadrados tal e como recolle o mencionado protocolo. Rexeitou Caride a falta de rigorosidade do goberno autonómico lanzando a idea de situar o instituto nun dos edificios dos actuais xulgados da cidade. Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito restou validez ao protocolo por non ter “carácter obrigatorio”, Rubén Pérez do grupo mixto lembrou que Marea de Vigo xa solicitara nas emendas ao orzamento autonómico unha partida específica para o Plan de Navia e Teresa Egerique do grupo popular apoiou a necesidade do instituto pero cunha resposta non dilatada no tempo.

5 millóns de euros para os patios dos colexios
A Corporación Municipal aprobou tamén a moción socialista que insta á Xunta de Galicia a introducir unha partida de 5 millóns de euros para a cubrición dos patios dos 17 centros escolares da cidade. O texto, defendido polo concelleiro de Educación Gorka Gómez, recibiu o apoio do grupo mixto e do concelleiro non adscrito, mentres os populares se abstiveron na votación.

O edil socialista lembrou que o Concello de Vigo, asumindo unha competencia autonómica, cubriu xa cinco patios de colexios (Ceip Virxe do Rocío, Ceip Carballal, Ceip Canicouva, Ceip Alfonso Rodríguez Castelao e Ceip García Barbón) mentres o resto de centros educativos vigueses acoden ao goberno municipal para presentar esta demanda.