O Concello pecha o exercicio de 2019 con débeda cero e 17 millóns de superávit
O Pleno celebrado este mércores tomou coñecemento da liquidación do orzamento do pasado ano, que reflicte unha xestión municipal “sobresaínte”, en verbas do edil de Facenda, Jaime Aneiros, quen subliñou ademais o equilibrio orzamentario e o cumprimento do teito de gasto nas décimo segundas contas seguidas baixo o mandato de Abel Caballero.
O concelleiro engadiu que os parámetros positivos das contas públicas municipais se traducen na mellora da cidade e das condicións de vida dos vigueses, destacando o gasto en política social e de emprego, xunto a obras como o carril bici, as humanizacións ou o Vigo Vertical.
Para valorar a liquidación orzamentaria, Aneiros valeuse dos principais indicadores examinados polos órganos externos de control das contas públicas, unha serie de puntos con resultado positivo que reflicten para o edil unha “xestión sobresaínte” do goberno vigués.
Así, a execución ofrece un resultado positivo, é dicir, un superávit cifrado en 17 millóns de euros; existe un aforro neto positivo -os ingresos correntes son superiores aos gastos correntes-; a presión fiscal é menor que a suma do gasto corrente e o investimento por habitante, co que o cidadán recibe más en bens e servizos do que abonan cos seus impostos; e o remanente de Tesourería é positivo, que proporciona solvencia para afrontar modificacións orzamentarias.
O concelleiro de Facenda puxo énfase na débeda cero municipal, cando esta chegou a superar os 66 millóns no ano 2006, máis de 226 euros por habitante, segundo precisou. Ademais a liquidación traslada un equilibrio orzamentario e o cumprimento do teito de gasto e dos períodos de pago aos provedores, que no mes de decembro foi de nove días.
Debate
Os grupos da oposición aseguraron que a execución foi baixa, sen chegar a gastar o previsto, e en particular subliñaron o caso dos investimentos, por debaixo da metade dos consignados. En cambio, anotaron que os ingresos finais superaron as estimacións recollidas na elaboración no documento orzamentario. O goberno de Vigo replicou que a media do gasto comprometido a finais de 2019 superou o 90% do orzamento.