Escoitar

O Concello suma outros 16 espazos ao programa de arte urbana “Vigo cidade de cor”

Abel Caballero informou este xoves da aprobación do proxecto da sexta edición desta iniciativa, que inclúe dezaseis novos murais na cidade e a recuperación e consolidación dalgúns de anos anteriores. Sumados os realizados nos colexios, Vigo contará este ano con 133 obras nas súas rúas froito deste programa municipal.

xoves, 13 feb 2020
Abel Caballero, en rolda de prensa
Abel Caballero, en rolda de prensa

A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves aprobou o proxecto para o sexto programa municipal “Vigo cidade de cor”, que leva a arte a colexios e medianeiras da cidade. O documento aprobado analiza o estado actual dos dezaseis espazos seleccionados para a edición 2020, que son: San Roque 58, Aragón 141, Avda. Ramon Nieto 331, Cantabria 34, Guixar 28, Atlantida 111, Vilagarcía de Arousa 30, Don Bosco 18, Venezuela 22, Avda. Florida 45, República Arxentina 7, Coruña 31, Palencia 34 (edificio de Igualarte), IES O Castro, Regueiro 14A (colexio Miralba Xesuitinas) e rúa Chao 17-19-21.

Explicou o alcalde que o documento validado contempla un orzamento de 260.000 euros necesario para os traballos previos de adecuación das superficies, pintado e posterior tratamento de mantemento das obras de arte. Caballero subliñou a este respecto que o propio proxecto recolle, nunha segunda fase, a consolidación e conservación dalgúns murais realizados en edicións anteriores que requiren de tratamentos puntuais, como é o caso do creado na Florida 30, 32 e 34 e no colexio San Xosé de A Guía.

En paralelo aos murais, o goberno de Vigo reserva outra partida de máis de 100.000 euros para un programa de actividades complementarias de divulgación artística e tamén leva adiante a creación de murais en centros educativos da cidade, guiado por titores e coa participación dos escolares.

En total, e contando coas previstas para este ano, o rexedor cifrou en 133 as obras creadas ao amparo da iniciativa municipal “Vigo Cidade de Cor”, das que case que medio centenar corresponden a murais realizados en colexios. “Empezámonos a incorporar ás grandes cidades de Europa con cor na rúa, coa arte na rúa”, aseverou o alcalde.

Outros acordos

En rolda de prensa, o alcalde deu conta doutros asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, que tomou coñecemento da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia que desestima un recurso presentado por unha empresa que optou ao contrato público de servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Vigo.

Explicou Caballero que o Tribunal non atopou incorreccións nos orzamentos da licitación -cuestión sobre a que argumentou o recorrente- e indica que están razoados e cumpren coas esixencias de transparencia, por todo o cal desestima o recurso. Así, o procedemento municipal continúa adiante, un concurso de 1.776.000 euros para prestar salvamento e socorrismo nas praias de Rodas, Fortiñón, Canido, Vao, Fontaíña, Samil, Argazada, Tombo do Gato, Carril e A Punta.

Por último, o rexedor informou do nomeamento de vinte funcionarios de carreira para a Policía Local de Vigo, traballadores incorporados en prácticas no mes de abril que superaron o curso teórico-práctico.

Descargar todas as imaxes