O goberno municipal aplicará en Bouzas o novo sistema de acceso de vehículos ao Casco Vello

Desde hoxe luns funciona o control de entrada de vehículos á zona vella mediante semáforo e recoñecemento de matrícula, en lugar dos pivotes. O sistema reduce os tempos de espera e elimina custos de mantemento e eventuais sinistros, polo que o goberno dirixido por Abel Caballero o estendera ao casco vello de Bouzas.

luns, 20 xan 2020
imx5.jpg

O alcalde explicou que o lector identifica a matrícula dos usuarios autorizados para acceder ao casco vello vigués e se lles facilita o paso cambiando o semáforo de vermello a ámbar intermitente. Son 567 os vehículos rexistrados neste momento, ademais dos taxis, emerxencias (Policía, Bombeiros, ambulancias...) e servizos municipais como a limpeza, cuxa entrada está igualmente permitida.

Abel Caballero indicou que é posible obter autorizacións temporais de acceso ao Casco Vello para transportes non rexistrados, por exemplo, en casos de mudanzas ou obras. Incluso un usuario non autorizado, en caso de necesidade, pode solicitalo pulsando o botón habilitado nas entradas á zona histórica e contactar coa central de comunicacións do Concello, quen valorará se está xustificado ou non o seu acceso.

Aqueles vehículos non autorizados que accedan co semáforo en vermello serán identificados: "inicialmente advertiremos pero dentro de moi pouco empezaremos a tramitar sancións, de acordo coa normativa", avisou Caballero.

O alcalde amosouse satisfeito cun modelo de acceso rodado áxil para os usuarios e máis seguro, que reduce os tempos de espera para entrar e practicamente elimina os custos de mantemento e eventuais sinistros cos pivotes. Así, Caballero anunciou que exportará o sistema á zona vella de Bouzas -previo diálogo coa veciñanza da vila-, para o que é necesario un prazo aproximado de tres meses para a súa posta en marcha.

imx5.jpg
imx105.jpg
Descargar todas as imaxes