O aeroporto de Vigo reforza a súa oferta estival con Valencia e As Palmas e sumará Alicante, Lanzarote e Fuerteventura

Abel Caballero anunciou este venres a ampliación "moi significativa" das rutas de Air Nostrum en Vigo desde o 29 de marzo. A compañía aumenta as frecuencias a Valencia e comezará a operar As Palmas, Alicante, Fuerteventura e Lanzarote, estas dúas últimas do 17 de xullo ao 6 de setembro. En total, case 40.000 prazas adicionais con custe "cero" para o Concello.

venres, 17 xan 2020
O alcalde quixo recoñecer o "servizo" que presta Air Nostrum na cidade e a súa "vocación" de voar desde Vigo, sendo a empresa con máis destinos directos desde o aeroporto vigués. Estas rutas e frecuencias adicionais suporán 39.420 prazas máis, con custo "cero" para o Concello.

Detallou Abel Caballero a operativa da aeroliña na tempada estival e desde o 29 de marzo vai reforzar a conexión con Valencia, que pasará das dúas frecuencias semanais actuais (venres e domingo) a seis, todos os días da semana salvo o mércores. Do 17 de xullo ao 6 de setembro, o Vigo-Valencia retornará ás dúas frecuencias semanais actuais para recuperar as seis semanais desde o 6 de setembro ao 24 de outubro.

Tamén desde o 29 de marzo, Vigo contará con ruta directa a Alicante ata o 24 de outubro. Neste caso, haberá avións os luns, martes e xoves excepto do 17 de xullo ao 6 de setembro, que se operará os mércores e sábados.

Air Nostrum reforzará as conexións existentes entre Vigo e As Palmas, que hoxe une a compañía canaria Binter os mércores e domingos. Así, a empresa con sede en Valencia ofertará este destino todos os sábados, entre o 29 de marzo e o 17 de xullo e do 6 de setembro ao 24 de outubro.

Máis destinos canarios terán voo directo este verán co aeroporto de Vigo. Entre o 17 de xullo e o 6 de setembro, Air Nostrum unirá a cidade olívica con Lanzarote os xoves e con Fuerteventura os luns e venres.