Escoitar

O goberno de Vigo aproba as bases das axudas para vivenda, subministros e alimentación

Abel Caballero, quen destacou que é a primeira vez que se aproba a convocatoria en xaneiro, explicou que o Concello adica 2,5 millóns á loita contra os desafiuzamentos: 1,5 millóns nesta convocatoria extraordinaria e outro millón para axudas ao longo do ano. No 2019 se beneficiaron do "cheque social" 1.612 familias. <br />

xoves, 16 xan 2020
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves as bases e convocatoria do programa de axudas extraordinarias a familias contra desafiuzamentos e para subministros e alimentación, iniciativa que conta cun orzamento de 1.550.000 euros e que na edición de 2019 beneficiou a 1.612 familias.

O alcalde, quen recordou que este programa non ten equivalente en ningunha cidade, destacou que é a primeira vez que se aproban as bases e convocatoria no mes de xaneiro e que, para a súa aplicación, vanse contratar a oito profesionais administrativos de apoio, sobre todo na recollida das solicitudes e asesoramento na documentación.

Xunto ao coñecido como "cheque social", o goberno de Vigo reserva outro millón de euros para axudas a familias e fondos de emerxencia contra desafiuzamentos ao longo de todo o ano, co que a contía total ao efecto supera os 2,5 millóns de euros este ano.

VigoZoo
A Xunta de Goberno Local tamén validou este xoves a contratación do servizo para o desenvolvemento das actividades no programa educativo de VigoZoo, por importe total de 106.000 euros.

O alcalde explicou que o obxectivo do goberno que dirixe é a transformación do recinto nun espazo sen animais presos e de educación e encontro coa natureza, un proceso a medio prazo que respectará o tempo de vida dos animais que actualmente viven en VigoZoo.

Mentres, o Concello promove un programa educativo que inclúe visitas guiadas e actividades auxiliares, VigoZoo na escola, campamentos, quedadas nocturnas ou voluntariado ambiental, entre outras propostas. Para levalo adiante, o goberno vigués lanza o contrato de servizo por 106.000 euros.

Educación
Caballero informou ademais da contratación dos servizos necesarios para continuar co programa municipal de educación básica de persoas adultas, contrato que sae por 75.000 euros. A iniciativa principalmente forma a xente maior, fundamentalmente mulleres, que no seu momento non tiveron a oportunidade de acceder á educación.

"É un programa extraordinario", valorou o alcalde, quen detallou que a formación é descentralizada e se presta en distintos espazos da cidade, para achegala aos potenciais usuarios.