Caballero denuncia ante Conxemar a inacción da Xunta na ampliación do IFEVI

O padroado do IFEVI acordara por unanimidade a ampliación do recinto feiral a través da "lei Vigo". Segundo denunciou este mércores Abel Caballero, a Xunta de Galicia aínda non contestou á solicitude formal enviada o 4 de xaneiro.

mércores, 15 xan 2020
1579159382140120Conxermar_03.JPG
Abel Caballero participou este mércores no comité executivo de Conxemar, onde trasladou á súa dirección "a gravidade" do que está a acontecer: "A Xunta de Galicia non quere ampliar o IFEVI para o seguinte Conxemar; isto é un dato".

O alcalde censurou a posición do goberno autonómico ante a ampliación do recinto feiral de Vigo, toda vez que a Xunta non deu resposta oficial algunha á solicitude acordada por unanimidade polo padroado do IFEVI, notificada o pasado día catro deste mes. "Están perdendo tempo", asegurou.

A lei 3/2016, coñecida como "lei Vigo", é a única forma de tramitar a ampliación do instituto feiral de Cotogrande, segundo anotou este mércores o alcalde, posto que conceder unha licenza directa sería unha "gravísima irregularidade" ao non permitilo a cualificación urbanística do solo. Precisamente a "lei Vigo" dá cabida ao necesario cambio do uso do terreo.

Caballero advertiu que o procedemento empregado para a última ampliación do IFEVI foi o mesmo que se promove para a actual. O padroado decidiu a tramitación do proxecto pola lei 3/2016 e a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados, acordos notificados á Xunta de Galicia o 4 de xaneiro sen que, "a día de hoxe", se teña resposta oficial.
Descargar todas as imaxes