Concello e Adif acordarán no Plan Xeral as actuacións que atinxan a ambas administracións

O alcalde recibiu luz verde a todas as cuestións que a cidade ten pendentes con Adif respecto das infraestruturas ferroviarias e do desenvolvemento do Plan Xeral. Tal e como confirmou Caballero, no encontro que mantivo onte con Isabel Pardo de Vera acordaron actuar de xeito coordinado para evitar anteriores desencontros urbanísticos que nalgúns casos terminaron nos tribunais.

mércores, 15 xan 2020
1579159287150120RuedaPrensa_01.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero cualificou de "moi satisfactoria" a reunión que mantivo onte en Madrid coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, para falar de temas importantes para a cidade. En primeiro lugar, analizouse o desenvolvemento do Plan Xeral no que atinxe a infraestruturas ferroviarias de modo que exista coordinación entre Concello e Adif para que todo o que afecte a ambas partes sexa acordado. Deste xeito, o Concello quere evitar anteriores desencontros urbanísticos con Adif que nalgúns momentos chegaron aos tribunais. Entre os ámbitos de "fricción" Caballero incluíu a zona das torres Ifer, a Senda Verde (que volverá ser ratificada a través do PXOM) e así como terreos de Adif que se desenvolvan dentro do propio documento urbanístico.

O rexedor interesouse polo estudo hidroxeolóxico do AVE directo por Cerdedo, que avanza a bo ritmo; así como polo corredor atlántico de mercadorías, que foi ratificado novamente tal e como lle comunicara Pardo de Vera ao alcalde a principios de decembro de 2019. A cidade tamén está pendente da saída sur do tren de alta velocidade de Vigo, neste caso, matizou, como parte da estratexia ferroviaria de Vigo a medio prazo. Esta conexión é vital porque Vigo se convertería no centro dun corredor de alta velocidade entre Coruña e Porto e os enlaces ao resto de España sairían en alta velocidade por Cerdedo. Respecto da estación de Guixar, acordarase con Adif a súa adaptación cando os tráficos ferroviarios diminúan.

Durante o encontro falouse tamén da addenda ao convenio dos accesos á estación do AVE que se vai asinar de forma inmediata e que implicará que Adif achegue máis de dous terzos do orzamento, un 75, do custo total, mentres que Xunta e Concello aportan un 21,2 e un 4,6%, respectivamente. Neste punto, Caballero reiterou o seu recoñecemento a Adif porque mantén os prazos e os compromisos orzamentarios.

O nivel de acordo durante a reunión foi tal, engadiu o rexedor, que a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, deu continuidade a este encontro mantendo hoxe unha reunión cos directores xerais de Adif para seguir avanzando e concretando todos estes temas.
Descargar todas as imaxes