Escoitar

O Trío Maula sube ó escenario do ciclo de música Xeración 2000+3

O conservatorio de música acolle o xoves a partir da 20.30 horas o terceiro dos concertos do ciclo de música Xeración 2000+3 organizado pola Concellería de Cultura co fin de promover a creación e interpretacións dos xoves. Nesta ocasión o protagonista é o Trío Maula, grupo creado en 1995 polo percusionista Pedro Sanz e o tubista Eduardo Nogueroles.

mércores, 14 mai 2003
Dende entón o grupo realizou numerosas actuacións en toda España obtendo sempre un notable éxito e unha gran aceptación do público, debido en gran parte á orixinalidade da súa formación, inusual ata a creación de Maula, que nos ofrece novidades no tratamento tímbrico dos instrumentos e no colorido sonoro que se crea ó unir a tuba co vibráfono.

O repertorio de Maula é aberto; realizou adaptacións de pezas clásicas, contemporáneas ou creando os seus propios temas, aínda que na maior parte dos programas predominan os temas de blues, latin-jazz, samba ou funky.

Pedro Sanz, vibráfono
Cursou os estudios superiores de percusión no Conservatorio Superior de Música de Valencia con Jesús Salvador para posteriormente realizar un curso de postgrao no Conservatorio Superior de Castellón con Josep Vicent e estudios de perfeccionamento na Academia Neopercusión en Madrid cos mestres Juanjo Guillem, Juanjo Rubio e Xabier Benet.

Actualmente é profesor de percusión no Conservatorio Superior de Música de Vigo e compoñente dos grupos Stamina Percussió e Maula Ensemble; enfoca a súa carreira instrumentista principalmente cara a música jazz.

Eduardo Nogueroles, tuba
Nace en Meliana (Valencia), onde comeza os seus estudios de tuba para posteriormente continualos nos conservatorios de Jávea, Valencia, Madrid, Perpignan (Francia) e na Universidade Estatal de Arizona (Estados Unidos) cos profesores D.Juan Miñana, D.Miguel Moreno, D.Mel Culbertson e D.Samuel Pilafian, e ó mesmo tempo asiste a clases e cursos de perfeccionamento con prestixiosos solistas estatais e internacionais.

Actualmente é profesor de tuba e director do grupo de metais do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Juan Antonio Rodríguez,percusion latina
Estudiou solfeo, piano e percusión no Conservatorio Mayeusis de Vigo, con Marcos Valcárcel co que colaborou en formacións de percusión afro-cubana. Continuou os seus estudios no Conservatorio Superior de Vigo.

Actualmente é profesor de batería e percusión en OEM (Obradoiro de Música Clásica e Creativa) de Pontevedra e en Es D´Musik de Vigo; imparte clases en seminarios e concertos didácticos de Jazz e música Afro-Cubana e actúa con grupos como La Calle Jazz Trío (Jazz), Orilé (afro-cubana) e El cuarteto de la Casa ( jazz-latino).

PROGRAMA

La fiesta, Tema de amor, Blue bossa, All of me, St. James infirmary Carnaval, Autum leaves, Take five, Carioca, Flor de luna, Afro blue e Spain.