Escoitar

O Plan Local sobre Drogodepencias aposta por adoptar medidas de calidade na intervención

Entre as conclusións das xornadas celebradas a semana pasada está a necesidade de traballar con método no eido da exclusión e de incidir na prevención a través da educación, familia e saúde.

martes, 13 mai 2003
Constátase a necesidade de compromiso das administracións públicas cara artellar medidas dirixidas ao traballo, atención e normalización das persoas con exclusión. Cómpre facer unha aposta decidida para dotar de medios suficientes ás entidades que traballan nese campo.

O mundo de exclusión semella cada vez máis amplo e aféctalle aos menores con conductas antisociais, a persoas con diagnose de problemas mentais, mulleres prostituídas, inmigrantes en situación irregular, persoas na cadea...

Quérese dotar de medios, artellar programas dende a prevención, a asistencia e a incorporación do social con todas aquelas persoas que padecen algún tipo de exclusión. Tratouse a necesidade de traballar con método no eido da exclusión.

A necesidade de que a administración estea máis implicada nos programas de atención a persoas con exclusión foi outra das características sinaladas, así como o feito de que estas carencias non se poden suplir dende o voluntariado ou o voluntarismo.

Preténdese evitar o abandono dos excluídos máis marxinados cando semella que se está a traballar só con excluídos case que normalizados.

Faise constar a necesidade de aceptar a crítica por parte da administración e que o traballo cos excluídos teña tamén o seu aspecto reivindicativo. Débese ter en conta que non se promova a exclusión dos que traballan con excluídos (en traballo, en medios, en calidade asistencial)

Constatouse a necesidade de rachar o círculo de exclusión que vai dende a infancia á xuventude e á vida adulta e na intervención nas causas de exclusión mediante unha política de prevención a través da educación, ámbito familiar, cultural e de saúde.

Os especialistas determinaron que moitas veces se fai unha política de parcheo en vez de intervir nas causas de exclusión á vez que estiman necesario adoptar medidas de calidade na intervención.

Débese tratar de evitar facer guettos de exclusión por áreas con recursos que van destinados a partes dese mundo da exclusión (persoas drogodependentes, transeúntes, mulleres prostituídas...) con normalización operativa dos centros que tratan o traballo con elas.

Destacouse a necesidade de aplicar políticas integrais, con medios e recursos suficientes e facilitar a entrada da comunidade nos centros como unha idea de apertura real, así como impregnar os servicios sociais nesa idea de apertura.

O Plan Local sobre Drogodependencias pretende actuar como lugar de encontro e debate, ademais de ser un elemento de conciencia para as administracións, facéndose eco das inquedanzas do persoal que nesas entidades traballa e da poboación á que atende.